Site icon Crónica3.com A Mariña

A peza de Sargadelos exclusiva para conmemorar o dia internacional contra o cancro de mama alcanza os 911 €

 Sargadelos, 30 de Outubro de 2019. Coincidindo co Día Internacional do Cancro de mama, Sargadelos realizou unha peza exclusiva para doar o importe recadado mediante poxa á Asociación Española contra o Cancro.
A peza é unha reinterpretación de Eva, a Muller antropomórfica fileteada, unha figura de catálogo que, nesta ocasión tinguiuse parcialmente de rosa converténdose nunha peza única digna dun coleccionista. A base desta peza leva a inscrición “Peza exclusiva 1/1 – 19/10/2019”.
Despois de varios días de poxa, a través dunha coñecida plataforma a través da web, a peza alcanzou o valor de 911 €, algo que satisfai á dirección de Sargadelos por verse sorprendidos de tan grata acollida por parte do público.
O diñeiro recadado doouse á Asociación Española Contra o Cancro. Precisamente na mañá de hoxe Dona María Luz Abella, Presidenta Provincial, Ángeles Aciñeiras, Tesoureira da asociación e Pilar Busto presidenta do sector sanitario da aecc en Lugo achegáronse á planta de produción que Sargadelos ten en Cervo para facer acto simbólico da recollida de diñeiro.
En boca da Presidenta e en nome da asociación manifestou “estamos sorprendidas pola idea e a actitude cariñosa, respectuosa, sensible, colaboradora da empresa SARGADELOS cara ao problema do cancro e concretamente do cancro de mama. Emociónanos e anímanos a seguir traballando por esta causa. Pero non só nos sorprendeu esta decisión senón que estamos enormemente agradecidas por ela e é algo que non esqueceremos. Tamén estamos moi agradecidas a todos os que poxaron e a Marta e á súa irmá que ao final coa súa decisión e a súa insistencia na poxa lograron gañar esta preciosa peza única de SARGADELOS”
No acto tamén estivo presente dona Marta L., veciña de Lugo que comprou esta peza única. Segundo ela mesma manifestou, a causa de fondo que levou a facer a poxa a ela e á súa irmá Xema é dalgunha maneira facer un pequeno tributo á súa nai por todo o que pasou por mor desta enfermidade.
Desde Sargadelos agradecen a acollida da iniciativa e poñen de manifesto que non será un acto illado, xa están a pensar en facer algunha outra iniciativa de fronte ao próximo ano para colaborar coa Asociación Española Contra o Cancro, para así contribuír á investigación dunha enfermidade que, segundo o informe SEOM a data 2017 seguía sendo a segunda causa de morte en España.

Exit mobile version