Site icon Crónica3.com A Mariña

A subdelegada do Goberno informa de que o treito Foz-Barreiros da Autovía da Mariña supera o trámite de información pública

Lugo, 9 de outubro de 2019. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe de que o trazado do treito Foz-Barreiros da Autovía da Mariña (A-74) vén de superar o trámite de información pública. Rodríguez deu conta da publicación este mércores no Boletín Oficial do Estado da resolución do ministerio de Fomento que aprobou o expediente de información pública.

A subdelegada comunicou que o presuposto de licitación estimado das obras é de 241 millóns de euros. O trazado deste treito da Autovía da Mariña comeza no término municipal de Foz e remata na conexión coa autovía do Cantábrico (A-8), en Barreiros.

Trátase dunha actuación cunha lonxitude de 11,1 km para un treito no que se deseñaron tres enlaces: o de Foz, que dá acceso ao núcleo urbano; o de O Carme, que conecta coa estrada LU-152, e o de Espiñeira, situado ao final do treito, que permite a conexión coa autovía do Cantábrico (A-8).

Fomento establece que, na redacción do proxecto de construción, deberase estudar a comenencia de conectar o enlace de Foz coa actual N-642 mediante unha glorieta de nova construción, afastando a conexión do parque empresarial de Foz. No dito estudo deberase analizar como unha alternativa posible a opción de demoler a glorieta existente, concentrando todos os movementos actuais e os procedentes do enlace de Foz nunha única glorieta de nova construción.

BURELA-FOZ

Para a construción da Autovía da Mariña, ademais de superar o trámite de información pública do treito Foz-Barreiros, Fomento ten en redacción o proxecto de trazado do treito Burela-Foz. Neste caso, trátase dun treito de 9,1 km de lonxitude. O presuposto previsto para esa actuación é de 92,6 millóns de euros.

Exit mobile version