Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 75.000 euros para o fomento de nove iniciativas empresariais na mariña lideradas por mulleres

 Lugo, 21 de outubro de 2019. A Secretaría Xeral de Igualdade vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas do programa Emega, das que na Mariña luguesa se benefician nove iniciativas empresariais lideradas por mulleres. As achegas concedidas suman un importe de 75.000 euros.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que esta convocatoria é cofinanciada co Fondo Social Europeo e permitíu a xeración nesta zona de 9 empregos por conta propia.

En todos os casos se trata de proxectos acollidos á liña ‘Emprende’ deste programa, destinada á promoción da posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a crear emprego por conta propia e allea. Ademais, un deles obtivo unha axuda complementaria da liña ‘Concilia’, dirixida a promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Hai iniciativas beneficiadas nos concellos de Viveiro (5), Mondoñedo (2) e Burela (2). Entre os proxectos apoiados figuran negocios relacionados coa hostalería, comercio, formación, servizos, un salón de peiteado ou unha editorial de literatura infantil e xuvenil.

O obxecto do Programa Emega é apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto co impulso a outras medidas para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral. A finalidade última é que aquelas mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo.

O programa Emega inclúe catro liñas específicas: ‘Emprende’ -á que se acolleron os proxectos lugueses-; ‘Innova’, para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; ‘Activa’, para favorecer a reactivación e consolidación de empresas a través de medidas de renovación ampliación ou cambio de localización dirixidas a paliar unha situación económica adversa; e ‘ITEF’, para incentivar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres. A maiores, establece unha liña de axudas complementarias, a ‘Concilia’, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Exit mobile version