Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta reivindica en Viveiro o valor da innovación e a sustentabilidade da enerxía eólica no XX Aniversario de Vestas

 Viveiro, 18 de outubro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe na conmemoración dos vinte anos desde que a compañía danesa Vestas se instalase en Viveiro. A empresa conta con 170 traballadores nas súas instalacións da Mariña lucense, e esta factoría viveirense abastece de maquinaria a 15 parques eólicos en explotación de toda Galicia.

O titular de Economía, Emprego e Industria agradeceu o compromiso da empresa con Galicia durante as últimas dúas décadas, e eloxiou a Vestas como un exemplo de diversidade e eficiencia. Así mesmo, Conde chamou a lograr un prezo eléctrico competitivo para o tecido empresarial galego, así como a dar prioridade a unha transición enerxética xusta e ordenada. “As enerxías renovables, neste caso a eólica, representan o futuro, e por iso debemos garantir o seu rendemento e a súa competitividade”, sinalou Conde.

Deste xeito, o conselleiro manifestou a importancia de manter un modelo enerxético que incida directamente no tecido industrial galego, “abrindo novos mercados, situando Galicia como referente da sustentabilidade e asentando a cultura da innovación”. A este respecto, Conde destacou a incorporación da técnica Bladelifter nos traballos de Vestas, un método de transporte das palas dos aeroxeneradores que permite o seu desprazamento por estradas e camiños estreitos sen alterar o entorno natural.

Así, o conselleiro apuntou que o propósito da Administración é continuar desenvolvendo un ecosistema enerxético que se apoie, prioritariamente, nas fontes eólicas. “Galicia aposta e seguirá apostando polas enerxías renovables, para conseguir así ter unha Galicia cada vez máis verde”.

Deste modo, Conde cifrou nunha vintena os parques eólicos que se están a construír en Galicia, e que teñen previsto comezar a súa actividade a finais deste ano, cunha enerxía producida de 480 MW e cun investimento de 564 millóns de euros. O 70% deses novos asentamentos eólicos estarán situados en Lugo, o que xerará 2.500 postos de traballo.

Galicia Verde
Galicia consumiu durante 2018 un 86% de electricidade procedente de fontes renovables, co 27% desta porcentaxe procedente de frontes eólicas (fronte á media nacional, onde só un 17% emprega as eólicas). De feito, o ano pasado foi a segunda comunidade por potencia renovable instalada, e a segunda tamén en enerxía renovable producida.

Exit mobile version