Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro destaca que os orzamentos da Xunta para 2020 contemplan un “investimento récord” na provincia

 Lugo, 22 de outubro de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que os orzamentos da Xunta para 2020 contemplan “un investimento récord” na provincia de Lugo, máis de 1401 millóns de euros, o que equivale a 4252 euros por lucense, a cifra máis elevada de todas as provincias galegas.

Ademais os recursos con destino concreto á nosa provincia crecen case un 5%, por riba da media autonómica de incremento global do orzamento, que é do 3%. A provincia de Lugo recibirá 60 millóns de euros máis que os previstos para este exercicio (2019).

Balseiro salientou tamén que a Xunta é “con diferenza” a administración que máis inviste na nosa provincia: 16 veces máis que a Deputación de Lugo e 20 veces máis que o Goberno central, cifras que reflicten o compromiso do Goberno galego cos lucenses.

Finalmente, en termos comparativos, Balseiro explicou que o compromiso inversor do actual Goberno galego en Lugo é case 11 veces superior ao que chegaba cando gobernaban PSOE e BNG (o bipartito), e iso a pesar de que eles manexaban un presuposto global maior, a nivel autonómico.

Rebaixa fiscal para a compra de vivenda no rural
O delegado subliñou a repercusión que terán na provincia algunhas medidas contempladas no proxecto de orzamentos da Xunta para o ano próximo, como é anova rebaixa fiscal para a compra de vivendas no rural que beneficiará a 1.251 parroquias lucenses (o 98,4% do total do territorio)

Nestas parroquias menos poboadas, o imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados para a compra de vivenda no rural terá a menor tributación de toda España: Pasará do 7% ao 5% para a vivenda habitual e do 10% ao 6% no resto dos casos.

Consolidación do programa de impostos cero no rural
Ademais, en 2020 permanecerá en vigor o programa de impostos cero no rural, que favorece a mozos e mozas menores de 36 anos, familias numerosas e persoas con discapacidade á hora de mercar a súa vivenda.

No rural lucense, un dos máis amplos de Galicia, tampouco tributa o imposto autonómico para transmisións de solo rústico e explotacións agrarias, aumento do tamaño das explotacións e para outras operacións como a agrupación de fincas rústicas e forestais.

Imposto de sucesións
Por outra banda, o proxecto de orzamentos tamén inclúe a exención de tributación de todas as herdanzas de ata 1 millóns de euros, por herdeiro, que permitirá que o 99% dos lucenses quedarán exentos do pago do imposto de sucesións cando reciban unha herdanza dun familiar directo.

Finalmente, as contas autonómicas contemplan para 2020 o maior gasto social da historia, que se traduce en medidas como a mellor atención ás persoas maiores da provincia de Lugo e outros colectivos preferentes, como son os mozos ou os menores de idade.

Escolas infantís
Así por exemplo, en 2020 as escolas infantís (públicas, privadas ou de iniciativa social ou municipal) serán gratuítas a partir do segundo fillo, ampliarase a tarxeta benvida nun 25% para familias que vivan en concellos de menos de 5.000 habitantes que, no caso de Lugo son 55 municipios (o 85% do total da provincia).

Entre os incentivos previstos está tamén a ampliación da cobertura da tarxeta xente nova ata os 21 anos, para viaxar de balde no transporte público interurbano que, no caso de Lugo, está en marcha en Baleira, Lugo, Rábade, Guntín, Castroverde, O Corgo e Castro de Rei.

Finalmente tamén está previsto estender ao cen por cen do rural lucense a rede de hospitalización a domicilio, que xa opera en comarcas como A Mariña lucense, e a instalación de caixeiros naqueles concellos nos que non hai aberta ningunha oficina bancaria como é o caso de Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Ribas de Sil e O Páramo, cuxa poboación suma 3.119 habitantes.

Exit mobile version