Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro invita a explorar o turismo ornitolóxico a través do programa da Xunta Galicia Birding

 O Vicedo, 6 de outubro de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, instou a explorar as posibilidades que ofrece o turismo ornitolóxico en Galicia a través do programa Galicia Birding, que promove a Consellería de Cultura e Turismo.

Balseiro fixo referencia a esta proposta na clausura do curso sobre Turismo, educación e ocio vinculados á ornitoloxía na costa norte de Galicia, que se desenvolveu durante os últimos tres días e foi promovido polos concellos de Mañón e do Vicedo. Precisamente o delegado estivo acompañado neste acto polo alcalde deste último concello, Jesús Novo Martínez.

A iniciativa estaba dirixida principalmente á mocidade, e foi subvencionada pola Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude.

Durante o curso, os participantes realizaron excursións ornitolóxicas e visitas diarias ao cabo de Estaca de Bares para observar e aprender sobre aves mariñas. Tamén na contorna da Illa Coelleira xa que constitúe unha destacada área de observación ornitolóxica.

O delegado animou a “aplicar o aprendido e continuar achegándose a este tipo de turismo, que os levará a entornos naturais únicos”. Neste sentido, Balseiro sinalou que as aves “dan a medida da calidade medioambiental dos nosos espazos naturais e mesmo das cidades”.

Esta cita vén a coincidir nas vésperas do Día Mundial das Aves Migratorias, unha conmemoración anual para avanzar na súa conservación e a dos seus hábitats en todo o mundo.

A Xunta ofrece na páxina web de Turismo de Galicia (turismo.gal) a oferta completa de Galicia Birding, con propostas para viaxar por todo o territorio galego para ver as aves que habitan en cada zona.

Exit mobile version