Na súa intervención, o Presidente subliñou que este convenio ten como obxectivo “darlle continuidade e impulso a un proxecto de unidade e de busca de sinerxías para impulsar o desenvolvemento económico e social desta comarca, como é a Mancomunidade de Municipios da Mariña”.
Tomé Roca tamén quixo incidir en que “as iniciativas que se desenvolven baixo o paraugas deste convenio teñen que servir para lograr a desestacionalización do turismo, conseguir a diferenciación con respecto a outras zonas e ser a chave que axude a que os visitantes queden a durmir varios días na Mariña”. Ademais, enxalzou os plans postos en marcha ata o momento pola Mancomunidade, coma a revista +QueAMariña ou audioguías teatralizadas que inclúen información sobre os cascos históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro con traducións ao inglés, francés e o castelán.
Durante o acto, o Presidente tivo palabras de agradecemento para as corporacións municipais. “Estades traballando na senda axeitada, parabéns a todos por todo o esforzo que facedes, nós reafirmamos o noso firme compromiso coa Mariña e tede presente que seguiredes contando coa alianza da Deputación de Lugo”, subliñou.
Ao remate do acto, o Presidente e os alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras asistentes participaron nunha visita guiada polo Barco Museo Boniteiro de Burela.