Site icon Crónica3.com A Mariña

Este venres, dá comezo a oitava edición do Mes da Maxia que organiza a Mancomunidade de Concellos da Mariña

 A Mariña, 24 de outubro de 2019. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense organiza, baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia, a oitava edición do Mes da Maxia que se celebrará do 25 de outubro ao 30 de novembro, a excepción da fin de semana do 1 ao 3 de novembro. No evento participan 17 establecementos hostaleiros e 4 magos.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hemida, contou que “nesta oitava edición do Mes da Maxia, a Mancomunidade quixo reforzar algúns dos obxectivos cos que foi posto en marcha aló polo 2012 este proxecto: que o Mes da Maxia sirva como elemento dinamizador e de promoción da Mariña Lucense en beneficio da desestacionalización, ofrecendo unha alternativa diferente e atractiva baseada na maxia de preto e na gastronomía local, galega e de tempada. E isto vese reflectido na nova imaxe do Mes da Maxia, onde se reforza a idea do outono, da maxia de preto e da gastronomía desta época”.
E engadiu que “así este ano da man dos establecementos participantes traballouse a oferta gastronómica baseándoa en produto local, galego e de tempada. Así mesmo, xunto cos magos participantes retómase a maxia de preto entre prato e prato e mantense o espectáculo final”. Nesta edición do Mes da Maxia participarán os Magos Rafa, Teto, Kiko, e Pi.
A Mancomunidade xunto cos establecementos participantes agardan que o Mes da Maxia sexa un motivo para que os mariñáns saian cear e pasen unha noite completa e agradable, se dean desprazamentos entre concellos e que a xente de fóra da comarca decida vir pasar unha fin de semana de outono a desfrutar deste territorio con este motivo.
Os locais que acollerán as ceas e as actuacións dos magos son: A Marquesa, A Garita, Casa do Fidalgo, O Noso Lar, Hotel–Restaurante Javier Montero, Hotel Vila do Val, Mesón O Mazo de Ferreiravella, O Rincón do Mis, Area Grande, Parador de Turismo de Ribadeo, Mesón Camiño Norte, O Lar, Casa Rural A Penela, A Yenka, Hotel Val do Naseiro, Pousada O Almacén e Hotel O Cabazo.
O Mes da Maxia arrinca mañá, día 25, en A Marquesa, de Burela, onde actuará o Mago Pi. O sabádo, 26 de outubro, Pi encherá de maxia Mesón A Garita, en Ourol; e o Mago Kiko fará o propio na casa rural Casa do Fidalgo, en A Pontenova.
Esta cita descansa a fin de semana do 1 ao 3 de novembro e retómase o 8 en San Cibrao, en Ribadeo e no Valadouro.
Na páxina web www.mesdamaxia.com atópanse o listado cos restaurantes participantes así coma os menús que se poderán degustar en cada un deles e os números de teléfono para facer as reservas. Os prezos dos menús máxicos, que inclúen as ceas e os espectáculos de maxia, oscilan entre os 25 e os 30 euros. As ceas máxicas comezan ás 21:30 horas e constan de dúas partes, unha con maxia de preto entre prato e prato (máximo 70 persoas) e o espectáculo final (mínimo 20 persoas) que comezará unha vez sexan servidos os cafés. Para menú infantil, vegano, vexetariano e outras opcións ante intolerancias e alerxias a xente pode consultar previa e directamente co establecemento. Recoméndase non deixar a reserva para última hora e facelo canto antes, xa que as prazas son limitadas.

Exit mobile version