Site icon Crónica3.com A Mariña

Este xoves acéndese a iluminación do muro de Amarte, no porto, e da fonte do parque de Suafonte

 Burela, 31 de outubro de 2019. O Concello de Burela procederá hoxe a partir das oito da tarde ao acendido da iluminación do muro de Amarte, na zona do porto, e da fonte do parque de Suafonte. O alcalde, Alfredo Llano, subliña que isto será un atractivo turístico máis para a localidade, algo que debe ser motivo de orgullo para o pobo.
O rexedor burelés explicou que “hoxe, a partir das oito, se vai acender a iluminación das pinturas do concurso Amarte que están na parede do porto, que é un atractivo extraordinario. Con esta iluminación penso que vai ser unha motivación moi boa para ter ocasión de ir ver estas pinturas en horas nocturnas, e ademais que lle dan unha gran singularidade, o que fai atractivo que as visitas ao noso pobo se incrementen, porque toda esa visión nocturna con esas pinturas tan ben feitas penso que chaman a atención a calquera dos nosos visitantes”.
Alfredo Llano engadiu que “tamén quero informar aos nosos veciños de Burela que o parque de Suafonte xa está concluído e que se vai programar para que a fonte de seis chorros con luces se poña a traballar, a partir de hoxe, dunha forma regular. Esperemos que guste e sexa empregada porque para iso se fixo, para que vaia moita xente alí e poida aproveitar esa área, xa que ademais de ter esa novidade dos chorros de auga con cores, é unha visión extraordinaria do porto, do propio muro onde están as pinturas de Amarte ou ver o conxunto do litoral da Mariña, que ten unha gran beleza”.
O alcalde pensa que “estas dúas obras son beneficiosas para o conxunto do pobo, engrandece o seu atractivo e ao mesmo tempo penso que debemos estar orgullosos de ter estas actuacións que son boas para o pobo de forma integral”.

Exit mobile version