Site icon Crónica3.com A Mariña

Estrea da obra benéfica “O Muro” de Trípode, este sábado en Riotorto

 Alfoz-Valadouro, 15 de outubro, 2019. Non vivimos do teatro, pero o teatro forma parte importante da nosa vida. O grupo Trípode naceu hai xa 7 anos para axudar a que todos vivamos a vida con máis alegría e, a ser posible, tamén con máis xustiza. Intentamos fomentar a convivencia, a simpatía, a solidariedade entre todos. Colaboramos con Cáritas e coas súas admirables iniciativas en varias ocasións, sobre todo a través de galas benéficas, nas que recadamos fondos para as persoas que o necesitan. Agora Cáritas pediunos colaboración para concienciar ó público sobre o terrible problema dos inmigrantes e nós, animados, accedimos a preparar, xunto a uns cantos amigos, un novo espectáculo, titulado “O Muro”. Somos 13 amigos sobre o escenario, procurando volver máis feliz a vida da xente, tanto dos que nos contemplan actuar como dos que pasan terribles penalidades en busca dunha vida mellor. Eses muros que pechan fronteiras e camiños, que impiden a liberdade e a felicidade, son o motivo da nosa nova comedia, na que (como sempre dun xeito simpático) queremos atraer a atención da xente e conseguir a súa reflexión sobre a xustiza, as desigualdades, a fame, a pobreza e o egoísmo e o cinismo dos países ricos. O muro, o muro da nosa obra, remata caendo, porque as portas son máis bonitas se serven para abrirse en vez de para pecharse. Con “O Muro” visitaremos Riotorto, o o 19 de outubro; Penas de Rodas (preto de Rábade), o 2 de novembro, e Alaxe (no Valadouro), o 23 de novembro. Tamén actuaremos para Cáritas, polo menos en dous lugares: un será Ferrol e outro algún lugar da nosa Mariña; as datas aínda están por decidir. Esperamos contar coa vosa presenza para divertirnos e para reflexionar xuntos, para amañar o mundo por medio da comedia na medida do posible.

Os participantes son 13: Antonio Jesús Lorenzo “Cachín”, Alberto Níñez e Pepe Peinó (os tres compoñentes habituais de Trípode), acompañados de Salomé Vázquez, Santiago Quirós, Matías Nicieza, Marga Fernández, Pilar Díaz, Mónica Díaz, Leni Níñez, Sergio Rego, Moncho e Rocío Sixto. Entre estes hai xente de Alfoz, Valadouro, Burela e Foz.

Exit mobile version