Site icon Crónica3.com A Mariña

“Lourenzá : Un mosteiro na encrucilladA”, Por Manuel Román Ramos

Pouco se sabe do primitivo edificio do cenobio de San Salvador de Vilanova de Lourenzá. Segundo os escasos datos con que se conta, ese mosteiro estaría situado no mesmo lugar que o actual e tardaría en construírse oito anos. Das vellas pedras só quedan, confirmadas, unha ara de mármore do século IX e una lauda sepulcral do XII. Opinións expertas recentes cren que tamén formaría parte dese antigo edificio o pórtico que forma o retablo esquerdo da actual capela da Asunción e o rosetón que preside as escalinatas do pazo abacial (actual Casa do Concello).
Como nos di César Chavarría, “A febre renovadora que nos século XVII e XVIII se apoderou de Galicia, pasou polo mosteiro de Lourenzá como forte vendaval, xa que dun pasado afastado, tan só quedaron dúas pedras: unha ara do século IX e unha lauda do XII. Foi unha rotura total co anterior, para dar franco paso ás novas formas. Derrubaron os vellos muros, fundiron a vella prata e encheron as súas espléndidas caixonerías con novas teas. As correntes da época trunfaron definitivamente”
O edificio que forma o actual mosteiro de Vilanova de Lourenzá consta de tres partes perfectamente diferenciadas: a igrexa, o pazo do abade (hoxe Concello) e o convento propiamente dito formado por dous claustros.
A súa construción encomenzou co claustro principal que foi contratado en novembro de 1637 polo abade Fr. Bernabé Martel. A cámara abacial foi contratada pola abade Fr. Manuel de Villarroel o 24 de outubro de 1712. A igrexa, segundo pode lerse nunha inscrición do piar esquerdo do presbiterio, empezou a facerse no ano 1732 co abade Osorio Araujo. Das obras da igrexa fíxose cargo o afamado arquitecto compostelán Casas Novoa, quen ensaiou a súa obra mestra do Obradoiro na fachada barroca da igrexa laurentina.
Dende a súa fundación no século X ata o ano 1835 a abadía laurentina foi unha auténtica forza motriz de civilización en toda a xeografía da Galicia cantábrica. No transcorrer do tempo a súa influencia socioeconómica foi moi profunda en toda a comarca. A desamortización de Mendizábal incautou os bens do mosteiro e procedeu á exclaustración do monxes bietos do cenobio. Remataba así unha historia de 900 anos.
Cos bens confiscados o Estado procedeu á súa venda en pública poxa, agás co edificio que ao ser considerado monumento de interese nacional pasou a formar parte do patrimonio artístico da Nación. En 1842 o Goberno cedeu ao Concello de Lourenzá a maior parte do edificio para o seu uso como casa consistorial, escolas públicas, cárcere, hospital e cuarteis de milicia. Á Igrexa só se lle permitiu quedarse cos espazos dedicados ao culto e cunha reitoral para residencia dos sacerdotes.
O 30 de maio de 1878 prodúcese un pavoroso incendio que efectou sobre todo á parte do claustro principal.
No ano 1910 unha nova comunidade beneditina, está vez como priorado dependente de Samos, establécese no mosteiro. En 1913 chégase a un acordo mediante o cal a comunidade relixiosa deixaría o espazo ocupado pola reitoral, que era a Casa do Abade, o cal pasaría a ser ocupado como dependencias municipais; os monxes, unha vez que restauraran o claustro principal e os locais que o circundan, efectado polo incendio, pasarían a ocupar esa parte. Provisionalmente e mentres que non se rematasen as obras de reparación os beneditinos ocuparían o resto do edificio mosteiral.
As friccións entre Igrexa e Concello empezaron cando unha vez rematadas as obras os frades non abandonaron os locais cedidos temporalmente. En plena ditadura de Primo de Rivera, no ano 1928, un Real Decreto cédelle á comunidade beneditina todo o mosteiro agás a casa do abade que é ocupada polas dependencias do Concello.
Durante a II República distintas Corporacións Municipais e a Liga Agraria de Lourenzá piden a anulación do Real Decreto da Dictadura para que todo o convento fose utilizado para servizos municipais.
Despois de máis de oitenta anos esa titularidade segue sen resolverse, algo, que na miña opinión, afecta moi negativamente a conservación e uso dun edificio que foi declarado Ben de Interés Cultura con categoría de Monumento Artístico Nacional no ano 1974. Botando man ao refraneiro popular “Uns por outros e a casa sen varrer”
Actualmente a parte claustral atópase nunha situación de abandono tal que, senón se toman medidas precisas e necesarias a curto prazo, a situación volverase irreversible, e máis pronto que tarde se poderá falar das ruínas do que nalgún tempo foi un dos mosteiros máis florecentes de Galicia.
As administracións públicas responsables deberían tomar cartas no asunto e cumprir o que a Lei de Patrimonio Histórico de España di en canto a exercer protección e tutela nos Bens de Interese Cultural. De pouco serve declarar inmobles de interese histórico e artístico se despois se abandonan á súa sorte; se cadra, só serve para poñer dificultades e trabas aos propietarios da contorna cando queren edificar ou restaurar as súas propiedades, mentres que o BIC que dá lugar a esa zona de especial protección atópase nunha situación lamentable: tellados afundíndose de cando en vez, ventás rotas e sen cristais, fachadas descascadas ou tellas vermellas que rompen a harmonia da cor pizarrenta das demais construcións da vila.
Posiblemente quen debería dar o primeiro paso son as autoridades locais pola súa cercanía, e por ser en primeira instancia as que deberían estar máis interesadas pola conservación e posterior uso dun inmoble desta categoría. Ás veces dá a sensación que o asunto da titularidade do inmoble máis que unha dificultade é una escusa para ir deixando pasar o tempo e evitar problemas e traballos que unha empresa como a restauración do mosteiro conleva.
Os usos que se lle poden dar son moitos e moi variados pola propia configuración do edificio e pola súa extensión: Por que non un centro resindencia da terceira idade, como hai en case todos os concellos da Mariña e nos que teñen preferencia para ingresos os veciños do propio concello, quedando sempre os de Lourenzá como segunda ou terceira opción? Por que non un centro de actividades de ocio e/ou educativas: campamentos xuvenís, concentrancións deportivas, cursos de formación? Por que non situar o actual Centro de Día nun lugar máis axeitado, céntrico e soleado? Por que non facer un salón de actos municipal con aforo suficiente e sen as insalvables barreiras arquitectónicas que ten o actual? Por que non a cubrición dun claustro acristalado que podería ser utilizado en múltiples actos e actividades independentemente do tempo atmosférico que faga? Por que non un establecemento hosteleiro de aloxamento e restauración? … Calquera destas actuacións, ou outras, ademais de prestar un gran servizo á cidadanía, crearía postos de traballo contribuíndo así á fixación de poboación da que tan necesitados estamos.
Pero, independemente do uso que se lle dea, é prioritario a rehabilitación do edificio do Mosteiro impidindo o seu deterioro e convertendo un edificio tan emblemático nun centro de atracción e oferta turistica dentro da Mariña para beneficio de toda a comarca, aproveitando que é paso obrigado do Camiño Norte de Santiago e que conta cunha situación privilexidada en canto a vías de comunicación, cunha autovía a un quilométro que o acerca e comunica con Asturias e co interior de Galicia.

Exit mobile version