Espasantín Gerpe lembrou que a FP Dual comezou a súa andaina en Galicia no curso 2012/13 e subliñou que este método implica que o alumnado pase máis tempo nas empresas. Na súa intervención referiuse ás dúas modalidades de formación dual que hai: á de réxime ordinario e á de réxime de persoas adultas e subliñou que alumnas e alumnos experimentan unha inmersión completa na empresa, no entorno xeral de produción e na vida laboral. O 33% das horas do ciclo teñen que facelos nas empresas que asinan os convenios de colaboración coa Consellería de Educación.
Álvaro Doural, responsable do Departamento de Dinamización da FP Dual na Mariña, salientou na presentación desta cita que “estas xornadas teñen como obxectivo claro dar a coñecer a formación dual. Na Mariña neste momento non hai un gran nivel de implantación de FP dual. Consideramos que é outra posibilidade máis para conseguir emprego e para resolver un tema clave por parte das empresas como é a falta de persoal cualificado”.
Doural dixo que “queremos chegar a empresarios, a alumnos, a profesores e a pais, que son un elemento importante porque a información moitas veces non chega ás familias. Desde o Departamento de Dinamización de FP Dual na Mariña pretendemos realizar unha serie de actividades para poder chegar aos pais e ás familias e que vexan a importancia que ten este tipo de formación profesional a nivel de que os seus fillos nun futuro poden conseguir un emprego”.
O director do CIFP Porta da Auga, Isidro Berdeal, foi o encargado de dar a benvida aos asistentes a esta 1ª xornada sobre a FP Dual.