Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo remite unha carta aos veciños para animalos a asistir á concentración convocada para o mércores en San Ciprián para demandar un prezo da enerxía competivo

 Cervo, 12 de outubro, 2019. O rexedor, Alfonso Villares anima aos veciños a asistir á concentración convocada o mércores, ás 20:30 horas, en San Cibrao, para demandarlle ao Goberno central un prezo da enerxia competitivo que garanta o emprego e a permanecia da industria do alumnio na nosa zona.
A carta chegará a cada un dos fogares cervenses nas próximas horas.
O rexedor, extrapola a mensaxe a toda a veciñanza da Comarca para que se sume a esta nova protesta.

MADRID TEN QUE DARLLE LUZ Á MARIÑA LUCENSE XA!

Estimado/a veciño/a:

Diríxome a ti coa preocupación que como veciño e mariñán teño nestes momentos pola situación da industria do aluminio na nosa zona.

O peche das fábricas de A Coruña e Avilés foi un paso adiante dado pola empresa sen precedentes e que nos puxo a todos en alerta.
Ademais, a baixada da produción da nosa fábrica, co peche das cubas de electrólises, é unha noticia certamente moi negativa; parece difícil que, dado este paso, a central as volva poñer en funcionamento.

O prezo da luz sempre foi o cabalo de batalla para que a industria do aluminio puidese producir na nosa comarca, sendo o principal motor económico e laboral da zona.

Ata o de agora o Estado sempre fixo o necesario para garantir a súa viabilidade e que o custe da electricidade se mantivese a niveis competitivos en relación ao resto de Europa.

A día de hoxe o prezo da enerxía en España dobra ao de países como Alemaña ou Francia. E nesta situación xa levamos moitos meses, demasiados; desde mediados do ano 2018, sen que chegue esa solución.

Nesta circunstancia resulta vital visibilizar o noso problema. E para que nos escoiten en Madrid temos que berrar todos xuntos. Isto non é unha batalla política. Trátase de defender con todas as armas que temos na man o noso emprego e o presente e o futuro da Mariña, que está en xogo.

A nosa empresa do aluminio non só xera eses 1.100 postos de traballo directos e 700 indirectos. Tamén lle fai medrar a outros moitos sectores empresariais, comerciais e de restauración. E tampouco nos debemos esquecer de todos os servizos veciñais que se poden levar adiante nun municipio como o noso cos ingresos que proceden de ter esta empresa na zona. Falo tamén da educación e da sanidade. Pensar en que a nosa empresa non estea é pensar en que moitos destes servizos dos que hoxe nos beneficiamos desaparecerían, non serían necesarios.

Retrotráiome ao ano 2012, cando toda a Comarca nos mobilizamos en bloque. Todos ao unísono reclamámoslle naquel entón ao Estado un prezo da luz competitivo. Hoxe estamos nunha situación moito máis grave, evidenciada polos acontecementos de A Coruña

e Avilés e pola baixada da produción de Alcoa San Ciprián; pasos xa dados que resultan moi duros e que van no noso prexuízo.

Polo que temos que exteriorizar o noso problema porque se non o facemos corremos o gran risco de que non chegue a solución. E se falta a empresa do aluminio, falta o principal impulso económico da Mariña, que dá pan a tantísimas familias, directa e indirectamente.

Por iso vos pido que rememos todos xuntos e que nos sumemos ás concentracións promovidas polo Comité de Empresa de Alcoa, primeiramente nos diferentes Concellos da Mariña, reiterando o discurso dese ano 2012, con independencia das cores políticas e sen consignas; porque o único importante é protexer o emprego e reivindicar o noso. Ese é o único obxectivo polo ben de toda A Mariña.

Vémenos o vindeiro mércores, 16 de outubro, ás 20.30 h na Praza dos Campos de San Ciprián, para berrar todos ao unísono para que o Goberno do Estado nos dea xa esa solución que garanta o emprego e a permanencia da Empresa do Alumnio na nosa zona!

O alcalde

Alfonso Villares Bermúdez

Exit mobile version