Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP chama de novo aos alcaldes socialistas a sumarse á presión ao Goberno en defensa de Alcoa

A Mariña, 17 de outubro, 2019. «Por máis que chova, non imos parar. Despois da concentración do mércores en San Cibrao está claro que a presión vai en aumento para conseguir que o Goberno central adopte as medidas necesarias, e que só el pode adoptar, para garantir o futuro de Alcoa-San Cibrao e devolver a tranquilidade ás familias dos traballadores e a comarca da Mariña en xeral». Así resume a presidenta provincial do PP, Elena Candia, o momento que se vive na defensa da planta de Alcoa en San Cibrao. «Temos que seguir nesa mesma liña ata ter a resposta necesaria por parte do Goberno».

Candia di que nesa liña de presión ata asegurar o futuro de Alcoa é precisa a participación dos alcaldes socialistas da comarca e da provincia en xeral. «Os mesmos que pedirán o voto para Pedro Sánchez teñen que implicarse abertamente e sen medias tintas na defensa dos intereses da Mariña e das familias que viven directamente ou indirectamente de Alcoa. Os alcaldes socialistas teñen que pedir ao Goberno, igual que fai o resto da sociedade, solucións para a supervivencia desta empresa».

A presidenta provincial do PP di: «A medida que pasa o tempo e o Goberno non reacciona aumenta a preocupación. Como xa dixen noutras ocasións, se esta é a resposta que ten o Goberno en plena precampaña electoral, qué nos esperará se despois das eleccións hai outro goberno socialista».

Polo seu lado, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, despois da concentración en San Cibrao, destacou: «Urxe que o Goberno central nos dea axudas para que a nosa empresa sexa competitiva e que se quite esa sombra de peche que está enriba da mesa». Engadiu: «Cada semana que pasa é unha semana na que a empresa e o noso benestar corren perigo».

Exit mobile version