Site icon Crónica3.com A Mariña

O Programa Integrado da Xunta ‘Abadín, Vilalba e Mondoñedo Facendo Emprego’ formará a 100 persoas desempregadas no eido sociosanitario

 Mondoñedo, 9 de outubro de 2019.- O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, visitou hoxe en Mondoñedo aos participantes do Programa Integrado de Emprego Abadín, Vilalba e Mondoñedo facendo emprego. A iniciativa permitirá que un cento de persoas sen emprego reciban formación de calidade para facilitar a súa inserción sociolaboral. En concreto, entregáronse as certificacións da acción formativa relativa a atención sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, mentres que segue a celebrarse o módulo de transporte sanitario.

O programa integrado de emprego inclúe actividades de orientación e asesoramento individualizado, intermediación laboral e acompañamento na procura de emprego, obradoiros de motivación, así como formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas. O compromiso adquirido de inserción laboral mínima para esta iniciativa, que inclúe un programa formativo adaptado á demanda das empresas da contorna, é dun 35%.

Casal explicou que Galicia está desenvolvendo 40 programas integrados cun investimento de 10M€ para 4000 desempregados e desempregadas e o compromiso de acadar unha inserción do 35%. Ademais, insistiu na aposta pola formación que representa unha prioridade para a Xunta, ben para persoas ocupadas ou ben para desempregadas, co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda Galicia.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

Exit mobile version