A Xunta trasladou ao sindicato a necesidade de incluír a Galicia dentro da Estratexia de Transición Enerxética do Goberno central –como xa se fixo con outras comunidades autónomas-. O titular de Economía, Emprego e Industria puxo de manifesto o compromiso da Administración galega neste contexto coa proposta de Estatuto de consumidores electrointensivos presentada pola Xunta co obxectivo de que exista un prezo eléctrico competitivo para a industria electrointensiva galega.
Deste modo, ambas as dúas partes coincidiron en apostar por unha transición enerxética xusta, que facilite a reconversión industrial sen que isto repercuta nin na calidade dos empregos nin na súa estabilidade.
A este respecto, tanto os representantes sindicais como o conselleiro compartiron retos como a modernización do tecido empresarial, a aposta pola economía circular, a mellora da formación, o impulso do emprego estable e de calidade e o fomento da conciliación entre a vida laboral e a familiar como os vectores máis relevantes á hora de materializar este cambio dentro do sector industrial.
A Xunta seguirá garantindo a continuidade do tecido industrial galego con liñas de acción que dinamicen o sector. Entre estas medidas está a Axenda Industria 4.0, que mobilizará 900 millóns de euros, creando 13.500 empregos nos vindeiros catro anos; e a Lei de implantación empresarial, que busca a captación de novos investimentos para Galicia a través dos incentivos fiscais, da redución dos prazos da tramitación administrativa de proxectos mantendo as mesmas garantías técnicas, xurídicas e medioambientais, e a través de facilitar o acceso ao solo industrial.