Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG Ensino convoca concentración do profesorado pola recuperación horaria o xoves 21 de novembro ás 19:30 horas na Subdelegación do Goberno de Lugo

A Mariña, 20 de novembro, 2019. Todo o persoal docente está chamado a participar en concentracións simultáneas que terán lugar este xoves 21 ás 19:30 horas nas sete grandes cidades galegas para reclamar que se devolva un dereito roubado, que xa foi recuperado polo colectivo docente doutras
sete comunidades do Estado. No caso de Lugo a Subdelegación do Goberno é o lugar marcado para a concentración provincial. Desde a CIG-Ensino chámase a participar masivamente nestas mobilizacións, así como tamén na folga do 12 de decembro, para recuperar a dignidade do profesorado e do ensino público.
O 13 de outubro arrancaron as mobilizacións previstas polas organizacións sindicais para presionar á Xunta de Galiza a abrir unha negociación que lle permita ao profesorado recuperar os 18 períodos lectivos semanais en Secundaria e os 21 en Primaria que lles foron recortados nos anos 2011 e 2012. Delegadas sindicais da CIG-Ensino, e das outras cinco organizacións con representación no ensino público non universitario, levaron a cabo naquela mañá unha concentración reivindicativa fronte ao edificio administrativo da Consellaría de Educación.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, apelou directamente ao presidente da Xunta a que desbloquee a negativa a negociar esta devolución do horario lectivo, que supuxo a perda de miles de postos de traballo no ensino público galego.

Exit mobile version