Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación reclama á Xunta a implantación dun equipo robótico Da Vinci no HULA para mellorar a calidade asistencial

 Lugo, 26 de novembro de 2019. O Pleno da Deputación de Lugo acordou este martes reclamar á Xunta de Galicia a implantación da cirurxía robotizada Da Vinci no HULA para mellora a calidade asistencial na sanidade pública. A proposta, promovida polo grupo provincial socialista, contou co respaldo maioritario da Corporación e pretende poñer a Lugo á vangarda das técnicas sanitarias. O dispositivo xa opera con éxito en diferentes hospitais privados de Galicia e reduce os tempos de recuperación dos pacientes porque aplica unha cirurxía menos invasora.

“O HULA é un hospital de referencia e como tal ten que ter unha tecnoloxía punteira. O que non é normal é que en Galicia haxa dous hospitais privados, en Coruña e Vigo, que conten con estes medios e que na sanidade pública non teñamos ningún. É unha cuestión de vontade política que a Xunta de Galicia queira ter un aparato dese tipo, co que mellora moitísimo a calidade da sanidade”, reivindicou o Presidente, José Tomé. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, defendeu que hoxe a Da Vinci é unha tecnoloxía perfectamente asumible porque as casas fabricantes teñen ofertas de leasing para adquirilo.

Por outra parte, o Pleno acordou, tamén por iniciativa do PSdeG, esixir á Xunta que prorrogue as axudas agroambientais, do clima e a agricultura ecolóxica do Plan de Desenvolvemento Rural ás explotacións gandeiras en tanto non entre en vigor a nova Política Agraria Común. Unha medida que “garanta unha cobertura económica ao sector”, segundo defendeu o Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, quen puxo en evidencia a falta de apoio do Goberno galego ao rural. “O presidente da Xunta dixo que esta sería a lexislatura do rural, e esta a ser a lexislatura de acabar co rural”, asegurou Fernández Rico.

Na sesión plenaria aprobouse así mesmo unha proposta do Goberno provincial para instar á Xunta de Galicia a retirar o anteproxecto de Lei para a creación da sociedade para a xestión do ciclo integral da auga, coñecida como a Sogama da auga. O Executivo rexeita o modelo proposto porque se formula “dende arriba”, sen contar cos Concellos, subliñou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, e porque atribúe ao Goberno galego toda capacidade de decisión (cun mínimo do 51% do capital social), mentres que só achega un terzo do financiamento das obras hidráulicas, obrigando a poñer a parte restante a concellos e deputacións.

A Deputación pide tamén que a Xunta incremente a dotación do Fondo de Cooperación Local, ata o 5% da recadación tributaria galega, e que modifique o canon de saneamento para que os concellos queden co 50 % do cobramento para financiar obras hidráulicas no seu territorio. García Porto denunciou o intento da Xunta de “centrifugar competencias” e argumentou que esta iniciativa só “engrosará as Administracións paralelas” e fará que os concellos paguen dobre, vía canon e sufragando as obras hidráulicas, algo que cualificou de “inxusto”.

Polígono de Riotorto
Por outra banda, o Pleno da Deputación desbotou unha moción do Partido Popular sobre o polígono de Riotorto por considerala “irresponsable” e “desaxeitada”. A voceira provincial socialista reprochoulle ao PP que estando na comisión liquidadora de SUPLUSA –que conta con representantes dos tres grupos políticos provinciais en igualdade de condicións- descoñeza os pasos a seguir para poder estudar sequera o impulso deste parque empresarial. García Porto explicou que o primeiro é “determinar se a obriga de SUPLUSA de promover ese polígono está vixente”. Nese caso, a comisión liquidadora debería acordar a sucesión de obrigas á Deputación de este e de todos os proxectos que considere necesario, non só o de Riotorto, e unha vez efectuada esa sucesión de obrigas, o vindeiro paso sería estudar a dotación de orzamento á actuación.

Exit mobile version