Site icon Crónica3.com A Mariña

A subdelegada do Goberno destaca a tranquilidade da xornada electoral na provincia

 Lugo, 10 de novembro de 2019.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou que a xornada electoral está a desenvolverse sen ningunha novidade de importancia na provincia de Lugo e animou aos lucenses a participar co seu voto na elección dos deputados e senadores que representarán á provincia nas Cortes Xerais.

“A mañá está a ser tranquila e agardo que así continúe durante o resto da xornada de votacións. As mesas electorais abriron puntualmente e sen problemas en toda a provincia. Só en Monforte houbo unha pequena incidencia nun colexio electoral, onde se incorporou como vocal dunha das mesas a primeira persoa que acudiu votar por indicación da Xunta Electoral”, explicou a subdelegada.

Isabel Rodríguez destacou a valiosa achega das persoas que hoxe garanten o dereito ao voto dos lucenses e agradeceu o seu compromiso democrático “a todos os membros das mesas electorais, aos axentes que velan pola seguridade das votacións e a todas as persoas que hoxe traballan para facer posible a tranquilidade da xornada electoral. Sen eles non sería posible que os cidadáns de Lugo puideramos exercer o noso dereito ao voto”.

Ademais, a subdelegada fixo un chamamento á participación nos comicios. “Animo a todos os lucenses a facer uso hoxe deste dereito. Aínda que chova, que ninguén nos quite o nosa capacidade de elixir as persoas que nos van representar nas Cortes Xerais”, manifestou.

XORNADA ELECTORAL EN DATOS

Nos 67 concellos da provincia están abertas 538 mesas electorais formadas por 1.614 membros. Nestas eleccións teñen dereito ao voto na provincia 344.445 electores, dos que 277.219 son residentes nalgún dos concellos da provincia e o resto residen no exterior. Para poder participar nos comicios, 17 persoas con deficiencia visual solicitaron na provincia o kit especial que lles permitirá exercer o seu dereito ao voto nestas eleccións.

Coa finalidade de garantir o correcto desenvolvemento da xornada electoral despregouse un amplo dispositivo que, ademais dos presidentes e vocais das mesas electorais, inclúe forzas de seguridade e representantes da administración.

De velar pola seguridade da xornada electoral na provincia encárganse 1.104 axentes, a gran maioría (1.000) membros da Garda Civil e a Policía Nacional, que contan co apoio de axentes das Policías Locais de Lugo, Viveiro, Ribadeo, Foz, Burela, Vilalba, Chantada, Guitiriz, Cervo, Sarria e Palas de Rei, así como da Policía Autonómica.

Ademais, 413 as persoas actuan como representantes da administración e ocúpanse de verificar a correcta apertura das mesas, resolver posibles incidencias e recoller os datos do reconto do voto cando pechen as mesas.

Nestas eleccións, os lucenses escollemos 4 deputados no Congreso e 4 senadores na Cámara Alta. Na nosa provincia, son 12 as candidaturas proclamadas para o Congreso e outras 11 para o Senado, unha menos que nas eleccións de abril.

A loxística preparada para a celebración das eleccións inclúe 408 colexios locais electorais, nos que están instaladas as 538 mesas de votación, que permanecerán abertas ata as 20:00 horas. Para facer posibles as votacións, imprimíronse un total de 3.000.000 de papeletas das distintas candidaturas que se presentan ao Congreso dos Deputados e 250.000 papeletas para o Senado.

Exit mobile version