Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta achegou 30.000 euros ao Concello de Mondoñedo para adquirir maquinaria para labores medioambientais

 Mondoñedo, 21 de novembro de 2019. A Xunta achegou este ano 30.000 euros ao concello de Mondoñedo para a adquisición dunha motoniveladora coa que levar a cabo actuacións medioambientais. A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, acompañada da alcaldesa da localidade, Elena Candia, visitou as actuacións realizadas grazas ás axudas da Vicepresidencia.

O investimento do Goberno galego a cargo do Fondo de Compensación Ambiental permitiron este ano a compra dunha motoniveladora que se empregará para limpar espazos degradados e contaminados, nivelar o terreo, ampliar camiños ou realizar zanxas que faciliten a evacuación da auga da chuvia. Desta forma, a adquisición desta máquina contribuirá a mellorar a conservación e preservación do medio ambiente e en especial das zonas protexidas pola Rede Natura, a manter coidados os espazos públicos municipais e á recuperación de zonas degradadas, ao mesmo tempo que se contribúe a evitar incendios e outros riscos ambientais.

A aportación do Goberno galego no concello de Mondoñedo a través do Fondo de Compensación Ambiental ascende este ano a 179.292 euros. Ademais dos 30.000 investidos na compra de maquinaria medioambiental, destináronse outros 71.397 á continuidade do proxecto de protección do ambiente, do espazo natural e conservación da biodiversidade do concello, unha iniciativa que a Xunta vén financiando de forma continuada desde o ano 2015. A Administración autonómica tamén investiu outros 77.894 euros na mellora da recollida selectiva de lixo nos concellos da Mancomunidade da Mariña lucense, da que forma parte o municipio de Mondoñedo.
Marta Fernández-Tapias, destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local, que é a mellor coñecedora das necesidades e demandas da veciñanza, xa que con estas axudas os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns. No caso de Mondoñedo, a Xunta destinou nos últimos anos un investimento de máis de 1,3 millóns de euros ao concello, a través de distintas liñas de axudas da Vicepresidencia como o Fondo de Compensación Ambiental, a Orde de Infraestruturas de uso público ou mediante a sinatura de convenios.

Exit mobile version