Na súa intervención, o director xeral sinalou que as instalacións, con 18 anos de existencia, reciben unha media de 15.000 visitas ao ano, transmitindo aos máis novos a necesidade de defender o medio ambiente e o papel que xogan nese eido as enerxías renovables. Do mesmo xeito, apuntou que Sotavento conta con medios técnicos e instalacións como a vivenda bioclimática e outras instalacións demostrativas que o converten no lugar idóneo para o desenvolvemento de proxectos de I+D+i.
Coincidindo coa apertura do curso de visitas, inaugurouse tamén nas instalacións do parque a exposición Mare plasticum, que consta dunha serie de obras feitas con lixo de plástico recollido nas praias polos autores, o artista austríaco Wolfgang Trettnak e a pintora galega Margarita Cimadevila. Combinando arte e ciencia, a exposición trata a contaminación do mar por materiais plásticos e aborda outros temas relacionados coa defensa da sustentabilidade nas costas.