Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta entrega dúas vivendas de promoción pública en Mondoñedo e Ribadeo

 Ribadeo, 8 de novembro de 2019.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fixo entrega de dúas vivendas de promoción pública nos concellos de Ribadeo e Mondoñedo. Nos actos participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen aproveitou para instar ás persoas interesadas en optar a este tipo de adxudicacións a inscribirse no Rexistro Único de Demandantes.

En Ribadeo entregouse un piso de dous dormitorios con garaxe e trasteiro, que mide 65 metros cadrados e está situado na rúa Rafael Fernández Cardoso. Neste caso, adxudicouse en compravenda, polo que se transfire a propiedade ao adxudicatario.

A vivenda adxudicada en Mondoñedo consta tamén de dous dormitorios e ten unha superficie de 55 metros cadrados; está situada na rúa Viñas da Veiga e adxudícase en réxime de alugueiro.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) xestiona as listas de adxudicatarios existentes nos distintos municipios, que se elaboran mediante sorteo entre as persoas que figuran inscritas no Rexistro Único de Demandantes. A inscrición pode realizarse presencialmente ou a través da sede electrónica da Xunta e ten unha vixencia de tres anos.

En Mondoñedo ademais a Xunta ultima, as obras de rehabilitación dun edificio na praza dos Muíños, que dará como resultado dúas novas vivendas de promoción pública de catro e tres dormitorios respectivamente. Tan só quedan pendentes para a súa finalización pequenos remates na obra e varios trámites administrativos.

Exit mobile version