Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro destaca o apoio da Xunta ao novo Rally da Mariña Lucense, que consolida a Galicia como a comunidade con máis probas deste tipo

 Lugo, 13 de novembro de 2019.- A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, apoia a celebración da primeira edición do Rally Recalvi Mariña Lucense, que terá lugar esta fin de semana e percorrerá 255 quilómetros polos concellos de O Vicedo, Viveiro, Xove e Cervo.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe na presentación do evento, que pecha o calendario do campionato galego, e subliñou que a incorporación deste rally vén a “consolidar a Galicia como a comunidade que conta con maior presenza destas probas do motor”.

Neste sentido, Balseiro destacou o impulso da Xunta a este deporte mediante un convenio coa Federación Galega de Automobilismo, ao que destinou este ano 181.000 euros e que contempla expresamente os proxectos de especial relevancia, como este rally mariñán.

O delegado explicou que a proba servirá como escaparate, tamén desde o punto de vista turístico e deportivo, “demostrando a capacidade da comarca para acoller con éxito eventos desta magnitude”. Agradeceu especialmente o traballo dos organizadores, a Escudería Mix Rallye Sports, e tamén “dos case un cento de profesionais e voluntarios, incluídos corpos de seguridade e agrupacións de protección civil que velarán pola boa marcha da proba”.

O rally dará comezo na tarde do venres, día 15, coas verificacións administrativas e técnicas no parque pechado do parking do porto de Viveiro. O sábado darase a saída ás 8.00 horas, os tramos iniciaranse a partir das 8:28 no Vicedo e continuarán durante toda a xornada.

Exit mobile version