Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro gaba en Viveiro o esforzo dos docentes por “estender a cultura científica e presentala de forma atractiva nas aulas”

 Viveiro, 14 de novembro de 2019. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, gabou hoxe o papel que xogan os docentes e o seu esforzo “por estender a cultura científica e, en particular, por presentala de forma atractiva nas aulas”.

Balseiro realizou estas declaracións durante a inauguración do XXXII Congreso de Enciga, a asociación de Ensinantes de Ciencia de Galicia, que se desenvolverá ata o vindeiro sábado no instituto María Sarmiento de Viveiro. Neste marco, lembrou que a ciencia axuda a “entender e a configurar a sociedade tecnolóxica na que medran as novas xeracións”, polo que “cobra aínda máis importancia, se cabe, o modelo de aprendizaxe para que resulte máis comprensible e accesible para todo o alumnado”.

No congreso participan profesores de distintas etapas educativas que expoñen experiencias de aula, metodoloxías e estudos dende diferentes ópticas relacionados coa ensinanza das ciencias.

Os relatores invitados nesta ocasión son Manuel Rafael Bermejo Patiño, catedrático emérito no Departamento de Química Inorgánica na Universidade de Santiago de Compostela; José Francisco Canosa Martínez, doutor en Xeoloxía pola Universidade de Oviedo, e Olalla López Costas, doutora en Antropoloxía Física e Forense pola Facultade de Medicina de Granada e coordinadora do grupo de investigación EcoPast da Universidade de Compostela.

O programa e todos os detalles das xornadas pode consultarse no portal web da asociación Enciga.

Exit mobile version