Site icon Crónica3.com A Mariña

Diante da folga dos profesionais de medicina de familia e pediatría, CIG-Saúde A Mariña lembra que reiteradamente ten denunciando o desmantelamento da atención primaria

 A Mariña, 26 de novembro, 2019. Desde CIG-Saúde reiteradamente vimos denunciando o desmantelamento da atención primaria, a falta de orzamento e a súa subordinación aos obxectivos hospitalarios. E o mais grave, a eliminación de postos de traballo coa amortización de prazas nos últimos anos.
Tamén vimos denunciando o grave problema que supón o importante número de xubilacións de persoal facultativo que se van a producir e a falta de planificación da Administración sanitaria para dar unha resposta que garanta a continuidade asistencial, en condicións de dignidade para a cidadanía e as e os profesionais.
Xa temos manifestado que a situación na que se atopa a Atención Primaria precisa que se tomen medidas urxentes, mediadas esixidas, reiteradamente, por todos os colectivos profesionais de atención primaria, chegaría con que a Consellaría de Sanidade escoite as demandas das/os profesionais.
A Consellería de Sanidade, se quere demostrar que aposta pola Atención Primaria, ten que:
Modificar os orzamentos presentados e incrementar a cantidade dedicada á Atención Primaria para dar cumprimento ás propostas dos grupos de traballo.
Modificar o Decreto que regula as Areas Sanitarias e os Distritos Sanitarios para crear unha verdadeira estrutura de xestión da Atención Primaria.
Negociar un verdadeiro plano de Ordenación de RRHH que de resposta ás necesidades actuais e futuras de tódalas categorías da nosa Atención Primaria.
Crear prazas novas nos Centros de Saúde que viven situacións máis críticas, en cantidade suficiente para que repercuta no tempo da atención e na calidade asistencial.
Incorporar novos colectivos de profesionais para dar unha asistencia integral desde a atención primaria
Desenvolver a carteira de servizos de todos os colectivos.
CIG-Saúde entende que a convocatoria de folga é a resposta das/os profesionais ante o desmantelamento da atención primaria que está a provocar a Consellería de Sanidade, medida que esixe unha solución global para toda a Atención Primaria.
Por todo isto, desde CIG-SAÚDE apoiamos esta mobilización. E apoiaremos todas as mobilizacións que se fagan en defensa da sanidade pública, e en contra das políticas que provocan que as/os profesionais non poidan realizar un traballo de calidade. A poboación tamén ten que participar das mobilizacións xa que o que está en perigo é a súa saúde.
CIG-Saúde comprométese a seguir defendendo unha Atención Primaria digna, para pacientes e profesionais, promovendo e convocando as mobilizacións que sexa preciso convocar e participando nos ámbitos de representación e negociación que nos corresponden como sindicato, coa forza que nos dan as traballadoras e traballadores.

Exit mobile version