Site icon Crónica3.com A Mariña

Efrén Castro ao Partido Popular no pleno provincial: “O seu obxectivo non é resolver os problemas de saneamento senon lavarlle a cara a un goberno incompetente”

 Lugo, 26 de novembro. O Grupo Provincial do BNG reclamou á Xunta de Galiza a retirada do Anteproxecto de Lei de Creación da Sociedade para a Xestión do Ciclo Integral da Auga, coñecida como “Sogama da Auga”. Nunha moción suscrita e aprobada polos dous grupos do goberno da Deputación, os nacionalistas demandaron a retirada dun proxecto lexislativo que pretende crear unha nova sociedade mercantil pública á que concellos e deputacións terían que achegar dous terzos do capital, pero sobre a que non terían ningún poder de decisión. Na nova entidade, paralela a Augas de Galicia, a Xunta reservaríase a capacidade de fixar as tarifas que os concellos pagan polos saneamento e de decidir onde se fan os investimentos co diñeiro recaudado.
“Isto é unha trampa que xa fixeron con Sogama e que queren repetir co saneamento. Levan 10 anos sen traballar na solución deste asunto e agora que chegan as ameazas de sanción da Unión Europea, miran a parte máis debil, que son os concellos. En lugar de solucionar os gravísimos problemas de financiamento que teñen, quedan co diñeiro que pagan polo canon da auga e a maiores obríganos a investir onde e como a Xunta diga”, expuxo o voceiro nacionalista Efrén Castro.
“Nin os concellos nin as deputacións van tragar con este plantexamento porque o seu obxectivo non é achegar solucións para os problemas de saneamento e abastecemento senon lavarlle a cara a un goberno incompetente”, criticou o deputado sarriao que incidiu en que o anteproxecto non fai máis que constatar o fracaso do “modelo crado polo Partido Popular arredor da Lei de Augas de 2012 e de Augas de Galicia”.
Segundo os Orzamentos Xerais da Xunta de Galicia para 2019, a entidade pùblica empresarial recadará por concepto de canon 51.750.000 euros. Só 29.290.069 euros – o 56 por cento – se gasta en investimentos reais ou transferencias a outras Administracións, “aínda por riba distribuído a dedo”, incidiu o deputado nacionalista criticando os “criterios partidistas e clientelares” cos que se deciden os investimentos.
A moción faculta “á Presidencia da Corporación provincial para a adopción das medidas que sexan necesarias para establecer unha firme oposición a este anteproxecto, utilizando para iso as vías administrativas e xurisdiccionais oportunas, que poidan por fin á tramitación do anteproxecto de lei.
Moción para impulsar políticas que freen a emigración da poboación moza cara o exterior
O BNG tamén defendeu no pleno unha moción para impulsar políticas que freen a sangría que supón a emigración da poboación moza cara o exterior, en liña coa demanda formulada polos máis de 60 colectivos sociais e culturais integrados na Plataforma Vía Galega.
O texto, aprobado con votos de nacionalistas e socialistas, insta ao Parlamento de Galiza a “constituír unha ponencia sobre a emigración galega que, no prazo máximo de cinco meses, estude e propoña as medidas e políticas necesarias para rematar cun problema social e nacional que contribúe ao despoboamento e á desertización económica do país”.
Tamén reclama á Xunta “a posta en marcha de políticas que promovan e lle dean forza aos sectores estratéxicos e ao tecido industrial de Galiza, nomeadamente o agrogandeiro, o forestal, o marítimo-pesqueiro, o enerxético e o das tecnoloxías da información e da comunicación; que creen emprego digno e de calidade e favorezan a conciliación da vida laboral e familiar”.
“Eu creo que é unha moción asumible. Démoslle a importancia que ten. Non deixemos que desapareza o noso país diante dos nosos ollos e poñámonos a traballar por políticas que xeneren un futuro para Galiza”, expuxo o voceiro nacionalista, Efrén Castro, fronte aos argumentos do deputado popular Agustín Baamonde, que relativizou o problema.
“Cren que a xente lles vai comprar que as mozos e mozos emigran pola globalización, que os que estudan prefieren viviro por Europa ou en Cataluña porque si. Pois mire, non, a xente que marcha, a gran maioría, faino porque ten que buscar unhas condicións dignas de traballo”, apuntou Castro quen expuxo os datos do Instituto Galego de Estatística.
Segundo o IGE, nos últimos dez anos emigraron de Galiza un total de 216.413 persoas con idades comprendidas entre os 16 e 54 anos, idades nas que se concentran a maior parte das persoas demandantes de emprego. Máis de 38.000 eran lucenses, o que supón preto do 12 por cento da poboación da provincia.
“O Partido Popular leva dez anos gobernando en Galiza e os mozos e mozas teñen que marchar. Algo estarán facendo mal. Pero máis grave que estalo facendo mal é que non lles pareza un problema”, concluíu o deputado sarriao.

Exit mobile version