Site icon Crónica3.com A Mariña

En Marea Ribadeo propón un plan medioambiental

Ribadeo, 13 de novembro, 2019. Case 20 anos despois de asinada a Carta de Aalborg pola participación e a sustentabilidade das políticas locais -16 deles participando no goberno municipal-, e meses despois de asinado o Pacto dos Alcaldes polo Clima, escoitamos ó noso alcalde falar dun Plan Integral de Medio Ambiente, aínda que fose para saír do paso a unha pregunta da oposición. Desde En Marea Ribadeo dámos ó ambiente unha importancia central, polo que queremos saudar este movemento e ofrecer a nosa man á equipa de goberno, comezando por publicar unhas ideas para ese Plan:

1) Participación: ningún alcalde, concelleira ou técnico mellorarán a xestión ambiental ribadense sen contar co compromiso dunha maioría da veciñanza. Ese compromiso só será real a través dun plan acordado -que pode avanzar por barrios ou parroquias, segundo se acaden compromisos- coas ribadenses. Nesa liña voltamos a solicitar un Consello de Medioambiente onde podan participar tódalas persoas e asociacións interesadas.

2) Redución de emisións de CO2: O 50% das emisións da veciñanza proceden do vehículo privado, polo que suxirimos complementar a progresiva peonalización co fomento da bicicleta, a través da redución da velocidade a 30Km/h na vila e Rinlo, e dispoñendo aparcadoiros cubertos para as bicis.

3) Enerxías renovables: aprobar unha ordenanza de instalación de renovables para autoconsumo axudaría no seu desenvolvemento. Propoñemos tamén un parque eólico singular municipal para abastecer ó Concello, e un proxecto de calefacción comunitaria de biomasa para a zona escolar, piscina, campo de futbol e cuartel ampliable no futuro a solicitudes de particulares.

4) Aforro de auga: reducir o consumo mínimo das facturas á metade (hoxe máis da metade dos abonados pagan polo que non consumen), o tempo que se sobe o prezo do metro cúbico a maiores e se promocionan os dispositivos de aforro.

5) Xestión de residuos: o propio alcalde fala da urxencia do inicio da compostaxe, para o que propoñemos substituír o actual colector de restos (“orgánica”) por un sistema mixto de autocompostaxe para vivendas dispersas, illas de compostaxe comunitaria nos núcleos máis compactos do rural e colector marrón na vila e Rinlo, cunha planta de compostaxe local no polígono industrial. Para reducir a xeración de residuos propoñemos estudar un centro de reutilización e reparación de electrodomésticos no punto limpo -que ben podería ser trasladado ó polígono industrial-.

6) Protección de espazos naturais: aplaudimos a eliminación de eucaliptos da marxe da ría, e propoñemos estender esta medida a todos os ríos e regos do concello, e máis as fontes tradicionais veciñais. Os bosques en galería das ribeiras son unha barreira ó avance dos lumes, e forman corredores ecolóxicos do máximo interese. A maiores, propoñemos rexistrar e catalogar os escasos restos de fragas que nos quedan empregando a figura de Espazos Naturais de Interese Municipal e esixir ás CCAA galega e asturiana e mais ao Mº para a Transición ecolóxica a redacción dun Plan de Protección da Ría de Ribadeo como obriga a lexislación vixente dende 1988.

7) Como xa propuxemos hai catro meses prantexamos a necesidade de promover un Programa comarcal con obxectivos concretos para a reducción progresiva do uso do Glifosato.

Finalmente, esta caste de medidas beneficiaríase dunha posición coherente e comprometida: convén que a mensaxe contra a xeración de residuos non sexa compensada por festas do consumo, a redución de CO2 por alumeados ostentosos ou a aposta pola bici e a FEVE por accesos en coche ó centro da vila ou novos aparcadoiros para vehículos privados.

En Marea Ribadeo

Exit mobile version