Site icon Crónica3.com A Mariña

“Filosofía para xoves”, por J. Manuel Yáñez Dablanca

O Día Mundial da Filosofía vense celebrando cada terceiro xoves de novembro dende o ano 2002. No 2005 a UNESCO ratificou e proclamou esta data como o día no que se subliña a importancia que esta disciplina ten na consolidación dos auténticos fundamentos da coexistencia pacífica e da tolerancia. Nesta proclama se formulan ao longo de seis páxinas os antecedentes, reparto de funcións, obxectivos e resultados esperados para que esta disciplina sexa visible e estea presente en todos os ámbitos sociais e a través de todos os medios posibles. Esta necesidade dun día mundial avalado pola UNESCO restitúe á Filosofía como saber, fronte á crítica tradicional e a aura de coñecemento inútil e pretensioso que a rodea, converténdose nun obxectivo educativo que ten por obxecto fomentar o pensamento crítico. Así, grazas á unha instancia superior de clara independencia e obxectiva legalidade queda actualizada a verdadeira faciana da nosa protagonista.
A propia Filosofía porta en si mesma elementos aparentemente contraditorios usados coma crítica contra ela porque resulta moi difícil atopar unha definición clara e completa do seu significado e funcións. Sabemos que a Filosofía é un dos campos máis importantes do pensamento, xa que aspira a acadar o sentido mesmo da vida, pero ao non facelo dixerible en algoritmos, proporcións ou estatísticas non se admite como ciencia nin como coñecemento válido para os estándares académicos e científicos. Sabemos tamén que é o estudo da natureza, da realidade e da existencia, do que é posible coñecer, de como o coñecemos e do noso propio comportamento e evolución, pero a reflexión xeral e globalizadora, que arrexunta e supera as visións particulares, non se admite como válida porque non é definitiva. Sabemos que forma parte das respostas que o ser humano debe dar para explicar o seu pasar polo mundo, con toda a historia pasada, presente e futura, con todas as intuicións preclaras que se anticiparon a través de conceptos enunciados antes dos propios feitos: a sustancia, o atomismo, o noso lugar no cosmos, a organización da sociedade, as economías alternativas, a robótica,… e con todas as revolucións que nos trouxeron ata o momento presente. Sabemos moitas cousas sobre ela pero non se acepta ningunha, e é por isto que se termina incluíndo a regañadentes no mapa educativo.
Pero o caso é que as tarefas que a Filosofía cumpre, segundo a UNESCO, son claves para o desenvolvemento da capacidade crítica dos individuos, e non hai ningunha ciencia particular que se dedique as reflexións que a Filosofía ten encomendadas pola súa condición de ciencia xeral, e non hai ningunha ciencia que lle acepte de bo grado esa función. Esa aparente intromisión da Filosofía no curso e no decurso das ciencias particulares é algo perseguido e criticado desde a separación entre dúas formas de ver o mundo: o ser das chamadas ciencias particulares e o poder ser da Filosofía.
Por outra banda a Filosofía como materia académica tampouco foi nunca do agrado do resto de materias; e hai docentes que non queren admitir que haxa unha disciplina diferente da súa e cun papel superlativo dentro do ámbito educativo; un papel que o resto de materias non pode cumprir e moito menos substituír; un papel para o que o resto de materias non só non están preparadas senón que ademais carecen da calidade precisa, porque non está no seu constitutivo. A vella frase de “non se aprende Filosofía senón que se aprende a filosofar” fixo moito dano na propia materia e nas alleas. A
necesidade de introducir elementos transversais e interdisciplinares na educación adolescente converteu a moito profesorado en vehículos de posturas e intencións. Xa non é suficiente co espazo das súas materias, que moitos queren converter ó resto de disciplinas do currículo en paladíns dos seus valores.
Certamente non lle podemos pedir ao noso alumnado que asuma tarefas que nos non descubrimos ata chegar á idade adulta, ou que se fagan responsables de problemas que afectan á sociedade do noso redor, pero si podemos educalos no respecto, na cooperación e sobre todo no coñecemento, na necesidade de coñecer e pensar antes de obrar, na necesidade de fomentar un pensamento crítico, de sensibilizar a nosa percepción da realidade desde a tolerancia e a solidariedade. Non podemos ensinar ao noso alumnado a comportarse como adultos antes de tempo, nin podemos pretender facer de pais e nais do alumnado crendo que o noso proceder pode servirlles de modelo de comportamento. O grande erro de moitos docentes actuais, créndose filósofos e filósofas, é que esquecen que só son profesores de filosofía, especialistas dunha materia, distinta doutras disciplinas, no que respecta a obxectivos e métodos, pero, a fin de contas, unha materia máis. Debemos facer pasar á cidadanía por este tamiz universal, e axudar a formar actitudes e comportamentos, a desenvolver o espírito crítico, a promover os valores cidadáns para mellorar o noso lugar no mundo, pero desligando todo este cambio das consecuencias que cada quen produza e asimile no proceso de
converterse en cidadán. Non podemos moldear ao noso alumnado a nosa imaxe e
semellanza porque estariamos cometendo un pecado, pouco orixinal iso si, e xa relixiosamente cometido nos albores dos tempos.
O ser humano debe vivir en sociedade, en modernos estados que sustentan os seus principios políticos nun concepto de Democracia denostado; no mundo da Filosofía fai tempo que non se considera a mellor entre as formas de goberno, e moita xente adulta malinterpreta o concepto en clave exclusiva… Temos que ser outras cousas, temos que pretender ser outras persoas. Temos que admitir, en definitiva, que a dignidade do ser humano ten máis que ver coa humildade e o coñecemento que con principios grupais de comportamento. Para iso, e para moito máis serve a Filosofía. Por iso, e por moito máis a Filosofía debe estar presente en todas as etapas educativas.
Estes fins tórnanse imprescindibles na sociedade que nos toca vivir, onde campan as súas anchas as elites inconformistas e rebeldes que non aceptan aquilo que non asinaron e que renuncian a toda unha historia co argumento de non tela vivido. Haberá que lembrarlles que nin o mundo se ordenou nun día (evitemos creaturas), nin Zamora se gañou nunha hora (evitemos bravuras), e moito menos na hora de vida que nos toca estar no mundo. Concluamos por tanto que a necesidade dun Día Mundial da Filosofía debe permanecer no calendario permanente das nosas intencións, do noso horizonte
máis positivo e social,… ou cando menos, no calendario dos xoves.

J. Manuel Yáñez Dablanca
Profesor de Filosofía

Exit mobile version