Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia en Común denuncia que as deficiencias no transporte público bloquean o acceso ao ensino da mocidade da provincia afondando na precariedade e no desemprego

Lugo, 6 de novembro. Galicia en Común ven denunciando que a falla de transporte público na provincia de Lugo suma outra eiva para a mocidade, un problema que se repite tanto nos centros de ensino de Primaria e IES do rural, como no acceso aos centros de formación profesional da cidade de Lugo ou das principais vilas: Sarria, Viveiro, Burela, Monforte, Chantada ou Mondoñedo.

“As liñas das que dispoñen as mozas e mozos para desprazarse aos centros escolares e de FP de forma autónoma no transporte público son deficientes polo que lles están a fechar as portas do ensino e da formación, imprescindible para avanzar como sociedade. Nós, ao contrario dos que nos Gobernan, non vivimos de costas a esta realidade cotiá e as súas consecuencias”, denuncia Vanessa Somoza, cabeza de lista de Galicia en Común por Lugo nas vindeiras eleccións do domingo.

“Queremos que a nosa xuventude poida ter o dereito de formarse e que logo de formarse durante anos, non teña como alternativas: o paro, a precariedade ou a emigración”, denuncia Somoza, que xa ven advertindo dos graves problemas de despoboamento na provincia, e das súas consecuencias no abandono do patrimonio que antano se coidaba: as aldeas, as terras, os montes…

“As políticas públicas a prol da educación, do transporte público, dos coidados son as que facilitan o noso día a día, pero tamén son as que evitan que sigamos afondando no despoboamento da nosa provincia, exiliados ate de nós mesmos por falta de opcións”, apunta Somoza, que fai un chamado a rachar dunha vez con bipartidismo PP-PSOE no que estamos ancorados aquí”

“O domingo cómpre encher as urnas de votos rebeldes e apostar moi forte por un Goberno de esquerdas, de verdadeira esquerda, no que a xente importe, no que importen as nosas cousas e a nosas vidas. Un Goberno ten que saber quen o manda e para quen goberna. Votemos por un Goberno de esquerdas no que Galicia este presente e representada e que entenda cales son as necesidades dos nosos mozas e mozas, pero tamén as dos maiores, das mulleres, dos autónomos e falsos autónomos e dos nosos sectores produtivos: o leite, o agro, o mar e leve esa voz i esa defensa ate Europa”, recalcou.

Entre as propostas programáticas de Galicia en Común figura incrementar a porcentaxe da PIB adicado ao ensino, derogar unha lei que degrada e segrega como a Lomce, unha universidade pública e gratuíta, onde calquera mozo ou moza poida estudar en igualdade de oportunidades coas taxas de balde e cun sistema de bolsas de axuda ao estudo que medren en número e importe e integrar as Ensinanzas Artísticas Superiores.

A gratuidade na educación infantil, de 0 a 3 anos, a inclusión no currículo escolar de ensinanzas que afonden na igualdade, na aprendizaxe de linguas, na prevención do acoso escolar e contra as violencias machistas, son algunhas das propostas que achega Galicia en Común no seu programa para este 10N.

No que atinxe a vivenda, pensando tamén na mocidade pero non só en eles”, explicaba a candidata por Lugo, estamos demandamos un Parque Público de Vivenda Social en Alugueiro cos activos que hoxe acapara o SAREB (Sociedade de Xestión de Activos procedentes de la Reestruturación Bancaria) e outros entes públicos, garantindo o acceso a vivenda a colectivos como o estudantil a prezos razoables. “Hai moitas vivendas baleiras na propia cidade de Lugo e xente necesitada delas”, recalcou.

Exit mobile version