Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia en Común reivindica para Lugo un xulgado exclusivo para a violencia sobre a muller e unha nova sala do social

 Lugo, 4 de novembro. Galicia en Común esixiralle ao Goberno do Estado a dotación dun novo xulgado do social para Lugo que evite a excesiva demora que padecen os traballadores e traballadoras, asi como un xulgado exclusivo de Violencia sobre a Muller que dea unha resposta contundente, eficiente e especializada ante esta lacra incesante que nos sacude como sociedade

“É absolutamente imprescindible para a nosa provincia o poder contar cun xulgado do social e outro específico e exclusivo para a Violencia sobre a Muller”, reclamou este luns Vanessa Somoza, candidata de Galicia en Común pola provincia de Lugo. “Mais alá das boas palabras e das declaracións de intencións, hai que responder cos feitos e poñer os medios físicos que respondan as necesidades da cidadanía de Lugo”, manifestaba Somoza a porta dos xulgados.

“Esixíremoslle ao Goberno que dote a Lugo dun xulgado específico para a violencia sobre a muller e a dotación económica dun Plan Estatal de loita contra as violencias machistas”, reiterou. “Hai que rematar dunha vez por todas coa impunidade de casos como o Operación Carioca, o maior caso de prostitución, trata e tráfico de persoas para o que seguimos a insistir en que en que tanto a Xunta como o Concello de Lugo se teñen que persoar como acusación popular e reclamar xustiza que é o que lles estamos a demandar moitas veciñas e veciños de Lugo”, insiste Somoza.

Sen esquecer, engadía Somoza, a urxencia dun novo xulgado do social, unha demanda aprobada pero adiada “A sobrecarga desta sala na nosa provincia leva a que os conflitos se alonguen ate dous ou tres anos nos casos ordinarios e preto de seis meses nos urxentes, unha espera insoportable para os traballadores e traballadoras e as súas familias polo que non imos perder nin un minuto en esixir esa nova sala do social con urxencia”.

Desde Galicia en Común non permitiremos que o Estado esqueza a nosa provincia, incidía Somoza. “O 10 de novembro temos que mobilizarnos as xentes de esquerdas para rachar co bipartidismo en Lugo e ter un Goberno no que Galicia este presente con políticas feitas desde o noso país e que entenda as necesidades dos nosos sectores produtivos”, conclúe a candidata por Lugo.

Entre as 850 propostas programáticas de Galicia en Común, -un traballo extenso e moi coidado cun equipo redactor de 20 especialistas entre os mais reputados do país no seus campos-, figuran, no relativo aos feminismos, a implantación de protocolos de Asistencia Social Integral para todas mulleres vítimas de violencias machistas e a garantía de que as mulleres con diversidade funcional tamén poidan acceder en igualdade de condicións.

Asemade, garantir a aplicación das medidas de protección e asistencia ás mulleres transexuais ou transxénero que sexan vítimas de violencias machistas e para acadar o 100% das pensións de orfandade a fillos e fillas de mulleres asasinadas por violencias machistas. Importante será, tamén, mellorar a dotación de persoal e servizos, afondando nos plans formativos e na ampliación dos mecanismos de control e seguimento (Sistema VioGen), afondando na educación en igualdade tamén con ferramentas de control do sexismo na publicidade e na comunicación.

Exit mobile version