O menú bretón que o cociñeiro francés prepara hoxe no IES de Foz está composto polos seguintes pratos: velouté de mexillóns con verduras ao azafrán; solombo de porco con fricassée de mazá e cebola á sidra con puré de patacas; e tartaleta de trigo sarraceno con mazás ao caramelo e manteiga salgada.
Samuel Ramos ten formación tanto en cociña como en xestión de empresas hostaleiras e leva máis de vinte anos traballando no sector, tanto en sala como en cociña. É membro da Alliance Slowfood de cociñeiros en Francia, que promoven unha cociña local, ecolóxica e baseada na produción local. No seu restaurante os seus pratos adáptanse ás estacións e os seus produtos proveñen de produtores locais directamente.
A colaboración deste cociñeiro francés co IES de Foz xurdiu grazas ao programa Erasmus+, xa que no restaurante de Samuel Ramos realizou as súas prácticas durante tres meses un alumno de Cociña do centro focense, Ayoub Elkamel.