Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo aprobará inicialmente este xoves en pleno un cambio nas condicións urbanísticas no terreo no que se proxecta a ampliación do Museo do Mar

 Cervo, 27 de novembro de 2019. O Concello de Cervo aprobará inicialmente, no pleno ordinario que se celebrará mañá xoves ás 20:00 horas, a Modificación Puntual das Normas Subsidiarias de Planeamento para poder ampliar o Museo do Mar de San Cibrao “un dos obxectivos que temos proxectados desde este equipo de goberno e que pasa por incorporar o terreo contiguo para mellorar a calidade e a funcionalidade desta dotación cultural tan importante para Cervo”, tal e como precisou Villares.
O rexedor explicou que “xa recibimos os informes favorables dos organismos estatais e autonómicos pertinentes –Ministerio de Fomento, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Servizo Provincial de Costas- “que nos permite poder dar este novo paso neste proceso”.
O ámbito proposto para levar a cabo a ampliación abrangue, ademais do edificio existente, unha edificación privada empregada antigamente como vivenda.
Nestes terreos que se propoñen para o aumento do Museo establécese a ordenanza Residencial mixta -espazo, en ordenación mixta, destinado xeralmente á vivenda e usos complementarios-; mentres que no Museo establécese a ordenanza Dotacional -propia de espazos en ordenación aberta, destinados a usos dotacionais ou servizos de interese público tales como escolar, deportivo, recreativo, relixioso, sanitario, asistencia…-.
Este cambio nas condicións urbanísticas permitirá pois o uso dotacional da superficie total que é de 2.568 m².
A partir da aprobación inicial ábrese un período de información pública durante dous meses, mediante anuncio no taboleiro de edictos do Concello e no DOG, e suspéndese o outorgamento de licencias no ámbito do territorio obxecto da modificación durante o tempo no que se prolongue o proceso.

Exit mobile version