Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parrulo 4-1 Pescados Rubén

 Burela, 24 de novembro, 2019. O Pescados Rubén Burela FS fixo méritos para máis no gran duelo irmandiño de Primeira Masculina na casa do Parrulo (4-1). Saíron moi ben os de Juanma Marrube, con máis ocasións, aínda que sen éxito nos metros finais, e os ferroláns aproveitaron para adiantarse nas proximidades do descanso, nunha tentativa de despexe visitante. Ao regreso atoparon unha nova vantaxe os de Héctor Souto; a escuadra da Mariña reduciu distancias nun dicir amén pero tamén perdoou tres ocasións moi claras para o empate e co xogo de cinco, xa con 3-1 en contra, non obtivo o acerto necesario, co 4-1 sobre a bucina.

Saltou o Pescados Rubén cunha grande intensidade con pouco marxe de manobra dos parrulos. Renato protagonizou a primeira e con moito perigo xa no minuto 2. Lucho e R. Vargas aliáronse no 5 para asediar a meta ferrolá, con rexeite de Matamoros, pero non houbo éxito. Segundos despois, o xogador do Corgo tampouco puido finalizar a falta de Renato. Edu estivo moi atento nunha das primeiras chegadas dos locais, nas zapatillas do ex dos laranxas Iago Rodríguez, no 6. O de Narón volveu responder á perfección fronte a Saura e Rahali superado o ecuador do primeiro acto, cunha cita máis equilibrada en ambas as filas. A fortuna deulle as costas ao conxunto mariñán no 18, cun lanzamento de Adri, que estreou o luminoso en tentativa de Joselito por desviala no segundo pau. Illi volveu frear aos mariñáns co pé o disparo de Matamoros e unha volea posterior.

Tras unha primeira parte na que os burelistas mereceron máis ante un Illi moi acertado, con tan só 40 segundos da segunda, Saura subiu o 2-0 nunha rápida chegada de Rahali. Con todo, os laranxas non se minguaron e en menos dun minuto Everton reduciu, co 2-1. Pope freou a tentativa do Parrulo e na contra fóiselle alta a Álex Diz no 26. Que mágoa!!! En menos dun minuto, o 22 mariñán rouboulla a Adri na pista local e a punto estivo de atopar o empate. Volvía merecelo o Pescados Rubén e de novo perdoou, noutra recuperación de Diz e errou Luisma, moi preto do pau.

Con case nove minutos por diante, os de Juanma Marrube tiveron que facer fronte tamén á acumulación de faltas. E foi cando O Parrulo anotou o terceiro, nun saque de banda de Adri que selou Saura. Burela reaccionou con xogo de cinco abandeirado por Everton; intentouno o propio brasileiro de lonxe e máis tarde Renato e Álex, sen fortuna. Edu fixo acto de presenza no 36 ante Saura en dobre penalti para manter a loita dos laranxas. Continuou con Joselito como porteiro xogador. Mata, de costas sobre a meta, tivo o segundo e o despexe, a falta de 6 segundos, subiu o 4-1 O Parrulo, a porta baleira.

Ficha técnica

O Parrulo Ferrol FS: Illi, Adri, Saura, Rahali, Hélder, cinco inicial; tamén xogaron Miguel, Iago Rodríguez, Iván Rumbo, Diego Núñez

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Joselito, Matamoros, Renato, Álex Diz, cinco inicial; tamén xogaron Pope, Lucho, Luisma, R. Vargas, Pitero, Everton

Goles: 1-0, minuto 18, Joselito (p.p.); 2-0, minuto 21, Saura; 2-1, minuto 22, Everton; 3-1, minuto 32, Saura; 4-1, minuto 40, Iván Rumbo

Árbitros: Carreira Romero // Ferrero Carballal. Por Ferrol amarela para Illi (minuto 5), Saura (minuto 38). Por Burela amarela para Pope (minuto 10)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 10 de Primeira División disputado no pavillón A Malata de Ferrol. Ambas as escuadras portaron ao comezo unha pancarta polo 25N, en contra da violencia de xénero, iniciativa da RFGF.

Exit mobile version