Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que se a alcaldesa administrase unha empresa como fai co Concello de Viveiro iría á quebra en menos dun ano

 Viveiro, 13 de novembro de 2019. «Se a alcaldesa administrase unha empresa privada como administra o Concello, a empresa iría á quebra en menos dun ano». Así o entende o voceiro do grupo municipal, Óscar Rodríguez, á vista de que o goberno local acaba de aprobar o orzamento municipal para o ano en curso, cando xa tiña que estar a punto de ser aprobado o corresponden ao 2020, do que nada se sabe aínda. A declaración de Rodríguez prodúcese poucas horas despois da sesión plenaria na que a socialista María Loureiro sacou adiante os orzamentos de 2019 co voto en contra do PP e Por Viveiro e a abstención de BNG e Son Viveiro.

O grupo popular desmontou contundentemente os argumentos do grupo de goberno para xustificar a incomprensible decisión de someter a aprobación en novembro o orzamento do ano en curso, do 2019. Alegou a rexedora socialista que a interventora considerou necesario ter aprobada a Relación de Postos de Traballo para someter a debate e aprobación o orzamento deste ano. Óscar Rodríguez citou sentenzas nas que se establece con total claridade e rotundidade que non é así. O TSXG, na sentenza a que se referiu Rodríguez no pleno, sobre un recurso sindical contra o orzamento do Concello de Lugo de 2018, baseado, entre outras razóns, en que a RPT, que non está actualizada, non se correspondía co cadro de persoal, sinalou: «(…) parece excesivo, por contraproducente, declarar Ia nulidad de los presupuestos aprobados aun cuando se aprecie un claro e irregular desajuste entre la RPT y eI Cuadro de personal». Previamente, na sentenza indícase: «Cierto es que se aprecia un desajuste entre Ia RPT y el Cuadro de Personal, pues mientras Ia primera se aparta de la realidad, eI segundo sí la refleja, en cuanto contempla eI gasto que suponen las retribuciones del personal que efectivamente desarrolla un puesto dentro deI Ayuntamiento. Pero no Io es menos que, si se diese una absoluta y perfecta correlación entre una y otro, se produciría el perverso efecto de que muchos trabajadores no podrían percibir las retribuciones que por su actividad en eI municipio les corresponden, por insuficiencia presupuestaria».

A alcaldesa sostivo que está obrigada a seguir os informes técnicos, neste caso o da interventora. A presidenta da corporación obviou, por tanto, a citada resolución xudicial, pero o seu argumento quedou claramente desmontado, di Óscar Rodríguez.

O grupo municipal do PP, segundo indica Rodríguez, considera que o que presentou o goberno local non era un proxecto de orzamento, dado que estamos en novembro, é dicir, a fin de ano. «Como moito é unha presentación de algo así como una fantasía de conta de resultados, que nin iso é». Dixo tamén: «O caso é que operar con orzamento prorrogado, como foi o caso, todo o ano, só xera problema e dificultades aos veciños, que se ven privados de investimentos que doutro xeito serían viables. Eu quérolle preguntar a alcaldesa por que o fai, porque supoño que non é por prexudicar aos veciños, aínda que os prexudica».

Os concelleiros populares indican que a estas alturas do ano non tiña que estar a debate e aprobación o orzamento de 2019, senón o do 2020, do que, por certo, segundo indican, nada se sabe. Temen que co do próximo ano pase o mesmo. «A política económica no Concello de Viveiro é un auténtico desastre. Temos un endebedamento por habitante dos máis altos de España e son incapaces de aprobar en tempo e forma os orzamentos anuais». Cren que á xestión económica do Concello merece cualificativos como o de desidia, aplicada ao traballo do goberno municipal, e incapacidade para corrixir unha situación na que son moeda corrente os pagos con reparo de legalidade. «E o malo é que non hai trazas de que a situación vaia mellorar», remacha Óscar Rodríguez, voceiro do grupo municipal do PP.

Exit mobile version