Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas da Pontenova denuncian que as 2.300 veciñas e veciños levan máis dunha semana atendidos por un só médico no centro de saúde

 A Pontenova, 26 de novembro de 2019. O Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, denunciou este martes que as veciñas e veciños da vila sofren os recortes sanitarios do Goberno de Feijoo e do PP. “Dende fai mais dunha semana só hai un medico para atender aos pacientes da vila. Primeiro suprimiron unha praza das tres que había, e agora un está de baixa e non a cobren”, advertiu o rexedor.

Así as cousas replica que “a famosa lexislatura do rural de Feijóo estámola sufrindo dia a dia os pontenoveses como se pode comprobar. Hoxe podemos constatar que non estamos na axenda sanitaria do PP, xa que 2.300 veciñas e veciños están sendo atendidos por un só médico”, insistiu.

“Calquera usuario que queira ser atendido no centro de saúde da Pontenova estes dias, ten que esperar unha media de 4 días para ser atendido na consulta médica. Sen esquecer que estamos nunha época do ano con picos de moita afluencia por mor do inverno e da campaña da vacinación da gripe”, argumentou Campos.

“Os nosos maiores, e toda a poboación en xeral, merecemos unha sanidade de calidade, non podemos dar ás costas aos veciños cun dereito que ten ser prioritario para todas e todos, vivamos onde vivamos. Por iso quero facer un chamamento á Conselleira de Sanidade para que tome cartas no asunto, e cubra na maior brevidade esta praza”, resumiu o Alcalde.

Exit mobile version