Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas impulsarán a equiparación dos autónomos cos traballadores por conta allea

????????????????

Lugo, 5 de novembro de 2019. Ana Prieto acompañada dos candidatos ao Congreso e ao Senado, mantiveron esta mañá unha xuntanza en Lugo, coa Asociación de Mulleres Autónomas na que explicaron as propostas do PSOE para este colectivo.
Os candidatos sinalaron dende o PSOE “estamos comprometidos coas traballadoras e os traballadores autónomos que seguen padecendo deficiencias no seu réxime de cotización e de protección social, e que deben ser corrixidas canto antes”. Nesa liña avanzan que o PSOE “impulsará unha gradual equiparación dos dereitos deste colectivo cos dos traballadores por conta allea, así como co establecemento dunha cotización acorde cos seus ingresos reais, que lles comportará maior protección social en caso de desemprego, enfermidade ou xubilación”.
Así mesmo, incentivará o emprendimento fomentando o apoio a autónomos e emprendedores.“Todo iso impulsarase en estreita colaboración coas organizacións representativas do traballo autónomo e no marco do diálogo social, sempre da man dos traballadores”, sinalan.
Outra proposta é a creación da Oficina Estatal de loita contra a discriminación na Inspección de Traballo. No caso de persoas traballadoras con fillos ou fillas, garantiremos o dereito á adaptación da xornada de traballo, ata que os menores cumpran doce anos.
Ademais, o Goberno de Pedro Sánchez “impulsará, cos axentes sociais, a elaboración dun novo Estatuto dos Traballadores, que incentive a actividade económica e a creación de emprego digno, de calidade e estable, de forma que a contratación indefinida sexa a forma ordinaria de acceder ao emprego. Tamén elaboraremos unha carta de dereitos dos traballadores e traballadoras que actualice o catálogo de dereitos ás esixencias da dixitalización, incluíndo o dereito á desconexión”.
Medidas aprobadas
Tras escoitar as reivindicacións dos autónomos nestes meses, o Goberno de Pedro Sánchez respondeu ás súas pretensións de ter dereito a paro, baixas médicas e prestacións sociais. Cunha cota de 5,36 euros ao mes 212.000 autónomos galegos, dos que 34.500 son lucenses, terán todos os beneficios da protección social.

Exit mobile version