Site icon Crónica3.com A Mariña

Suárez Barcia amósase satisfeito despois de coñecer o arquivo das tres denuncias presentadas polo PP diante da Xunta Electoral contra o rexedor e contra o concelleiro de Medio Rural

 Ribadeo, 18 de novembro de 2019. O alcalde, Fernando Suárez, amósase satisfeito despois de coñecer que foron arquivadas as tres denuncias presentadas polo PP diante da Xunta Electoral contra o rexedor e contra o concelleiro de Medio Rural.
O rexedor declarou: “amosar por unha banda a satisfacción polo arquivo destas denuncias que o PP fixo contra a miña persoa en tres ocasións e unha delas tamén contra o meu compañeiro e concelleiro de Medio Rural, Suso Mundiña”.
Suárez Barcia lembrou que “unha delas por unha visita institucional do presidente da Deputación a Ribadeo, que honestamente non é da cor política miña, do alcalde de Ribadeo. Outra por ir hai practicamente dous meses o concelleiro de Medio Rural e eu a supervisar uns camiños que estamos amañando, moito antes do inicio destas eleccións. E unha terceira denuncia era porque parece que estaba doido o PP porque se puxera unha valla no campo de fútbol na que obxectiva e honestamente se explicaba a achega de cada administración, unhas con máis diñeiro porque máis aportaron, e outras de maneira ínfima porque aportaron moito menos”.
Para o alcalde ribadense “o que pretendía o PP con toda esta cuestión era unha labor inquisitorial, unha labor de aplicarnos unha mordaza. É dicir tapar as miserias do que algunhas administracións castigan a Ribadeo non dando moitos recursos e pretendían que durante a campaña electoral elimináramos todo tipo de cartelería, todo tipo de información, etc. Estamos no século XXI, creo que estamos na Europa do primeiro mundo e a liberdade de expresión ten que prevalecer por enriba de todo, sobre todo cando no te metes con ninguén e si dis a verdade, si relatas que alguén non da nada ou da moi pouco, pois ese que da pouco non lle ten que parecer mal. O que ten que facer esa administración, que da pouco, para a seguinte vez é dar moito máis e nese caso terá a correspondente repercusión obxectiva. Non se trata de que como damos pouco e non gusta que poñamos que dan pouco hai que denunciar ao alcalde de Ribadeo para que non poña esa información. O alcalde de Ribadeo vai facer iso, fíxoo e vaino seguir a facer sempre que estime conveniente. Non se mete con ninguén si realmente explicamos a realidade do que as diferentes administracións dan a Ribadeo”.

Exit mobile version