Site icon Crónica3.com A Mariña

530 estudantes participarán esta semana no proxecto Arte e Ciencia, que acolle o Museo Provincial de Lugo

 Lugo, 10 de decembro de 2019.- O Museo Provincial de Lugo abre esta semana as portas ao proxecto Arte e Ciencia, que trata de achegar ao alumnado conceptos matemáticos e científicos a través da arte.

Desde o pasado luns e ata o vindeiro venres, 530 estudantes de primaria e secundaria de distintos centros educativos da provincia participarán nas actividades, promovidas pola Institución Galega de Ciencia (Igaciencia).

Material didáctico deseñado polo matemático Manuel Díaz Regueiro –promotor de Igaciencia, cadros do pintor cubista Juan Gris ou mosaicos romanos serven ao alumnado para afondar nos vínculos entre a arte e a ciencia, resolver problemas e acentuar o espírito crítico e o interese pola ciencia e a innovación como base do progreso. .

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, achegouse esta mañá aos obradoiros nos que participaban estudantes de 1º de BAC do IES Vilar Ponte de Viveiro. Nos vindeiros días visitarán a exposición alumnas e alumnos dos centros lucenses CPR Divina Pastora Salesianos, CIFP As Mercedes, CEIP Rosalía de Castro, CPR Plurilingue Cervantes, CEIP Paradai e Escola de Arte e Deseño Ramón Falcón; do CPR La Merced de Sarria; do CEIP Portomarín; do CEIP Xesús Golmar de Becerreá e do CPI Castroverde.

Exit mobile version