Site icon Crónica3.com A Mariña

A alcaldesa de Lugo traslada o apoio do Concello ás reivindicacións dos traballadores de Alcoa para esixir a súa continuidade

 Lugo, 14 de decembro, 2019. A alcaldesa de Lugo Lara Méndez, acompañada doutros concelleiros e militantes socialistas, participaba esta mañá na concentración convocada diante da Subdelegación do Goberno para esixir a continuidade de Alcoa.

Durante a súa intervención, a rexedora fixo fincapé en que “non se trata dunha problemática territorial da Mariña, senón que nos afecta a todas e todos porque Alcoa é unha industria imprescindible no conxunto da provincia”, polo que engadiu que “cómpre superar as barreiras que nalgunhas ocasións supón a ideoloxía partidista para aunar esforzos dende tódalas administracións e loitar conxuntamente co obxecto de mantela aberta”.

Lara Méndez deu a benvida á cidade aos traballadores aos que lles asegurou que “Lugo, como concello e como capitalidade da provincia está con vós, ao voso carón, esixindo que Alcoa continúe funcionando e, seguiremos pelexando para que esta continuidade sexa unha realidade, ao abeiro dun goberno central forte, que agardamos se constitúa en breve, e permita dar pasos cara adiante e tomar decisións en firme que contribúan a este obxectivo”.

A rexedora enxalzou ademais o tesón que o colectivo está a demostrar levando as súas protestas pola xeografía do país demostrando a necesidade de que a Alcoa siga aberta.

Exit mobile version