Site icon Crónica3.com A Mariña

A área de Deportes impulsa o gran fondo ciclista Ancares Cycling Marathon, unha nova proba no calendario deportivo galego

Lugo, 11 de decembro de 2019. A área de Deportes da Deputación de Lugo impulsa unha nova proba no calendario deportivo galego, o Ancares Cycling Marathon. Unha carreira de gran fondo que se celebrará o vindeiro 26 de xullo nos Ancares e que está chamada a converterse nun referente do ciclismo de alta montaña.

O deputado de Deportes Efrén Castro e o ex ciclista Ezequiel Mosquera, que lidera a organización do evento canda o Club Ciclista Cidade de Lugo, adiantaron que a proba terá a saída en Pedrafita e a chegada no Cebreiro. As inscricións para participar abriranse o vindeiro 29 de xaneiro, data en que se darán a coñecer os detalles do percorrido.

Ezequiel Mosquera indicou que os Ancares ofrecen un marco privilexiado para a celebración da proba “con paisaxes evocadoras, estradas con bo firme e pouco tráfico e múltiples opcións para deseñar un percorrido atrativo para os ciclistas”.

O corredor explicou que “o ciclismo de carretera e a montaña teñen cada vez máis adeptos” e que “a organización se porá a traballar co obxectivo de chegar ao milleiro de participantes”.

Impulso ao turismo deportivo

Efrén Castro subliñou que “o proxecto chega coa intención de quedarse” e remarcou “que o obxectivo é impulsar o turismo deportivo na zona durante o ano”. Así, avanzou que “se sinalizarán os portos, distancias e pendentes medias, creando un percorrido que os afeccionados ao ciclismo poidan empregar máis aló dese data”.

O deputado de Deportes “agradeceu a receptividade e colaboración” amosada polo alcalde de Pedrafita do Cebreiro e deputado provincial José Luis Raposo e pola subdelegada do goberno Isabel Rodríguez, que tamén participaron na presentación da proba.

O Ancares Cycling Maraton toma a remuda do Desafío Volta a Lugo, que se viña organizando nos últimos anos na provincia. O cambio de formato toma como referencia o xa consolidado Gran Fondo do Ézaro, tamén impulsado por Ezequiel Mosquera.

“Vimos a aportar o coñecemento acumulado no Ezaro para sacar adiante unha proba do mesmo nivel na outra esquina de Galicia e en alta montaña”, comparou o corredor.

A área de Deportes achegará 60.000 euros á organización do Ancares Cycling Marathon.

Exit mobile version