Site icon Crónica3.com A Mariña

A EMMeD de Ribadeo convértese no primeiro espazo público cardioprotexido do concello

 Ribadeo, 2 de decembro de 2019. A EMMeD de Ribadeo convértese no primeiro espazo público cardioprotexido do concello. A escola ribadense é pioneira entre os centros de ensino musical da provincia de Lugo en implantar un DESA. O profesorado xa recibiu formación.
En pasados días colocouse no centro o primeiro desfibrilador semiautomático de uso público neste concello. O responsable da EMMeD, Hugo García, manifestou que “o que pretendemos é dar un paso adiante en seguridade e protección, xa que tanto alumnado como profesorado e as familias pasan moitas horas no centro. Así mesmo cremos que a ubicación do mesmo nesta instalación, a carón do parque municipal e en pleno centro da vila, é idónea para se fose o caso, ter que saír co DESA”.
E engadiu que “pensando nesa opción de mobilidade, en lugar de colocarse fixo nunha parede, dotouse dunha mochila que fai que sexa fácil o seu transporte ante calquera actuación””. O centro ribadense será pioneiro entre as escolas de música do país en dispor deste servizo.
Con relación á seguridade, un dos aspectos que acostuma a preocupar máis tanto ao centro como ao resto da comunidade educativa, era unha idea coa que se levaba tempo traballando e que finalmente se conseguiu: “o camiño da implantación de novas medidas de seguridade na escola leva xa tempo presente e este é un paso máis que nos permite continuar ofrecendo un servizo diferenciador e de profesionalidade na atención ás alumnas e alumnos. Todos estes avances non serían posibles sen o apoio da Concellaría de Ensino que fixo o esforzo para cubrir esta necesidade”, apunta García Presno.
O profesorado do centro foi formado en primeiros auxilios e uso do DESA garantindo así o seu correcto manexo.

Exit mobile version