Site icon Crónica3.com A Mariña

A subdelegada do Goberno e o alcalde de Foz revisan a marcha das obras na ponte de Mañente

 Lugo, 10 de decembro de 2019.- A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde de Foz, Francisco Cajoto, supervisaron hoxe a marcha dos traballos que está a realizar o ministerio de Fomento para reparar o paso superior sobre a estrada N-642, en Mañente (Foz).

As obras, que comezaron o pasado día 2, forman parte dunha actuación máis ampla, xa que, tal como lle anunciara a subdelegada ao alcalde a finais do mes de outubro, Fomento ten previsto realizar traballos de arranxo en catro pasos superiores situados na estrada N-642 ao seu paso polo municipio de Foz.

“Unha vez máis, demostramos o noso compromiso cos veciños e veciñas de Foz, que se traduce en feitos, non en palabras bonitas”, destacou a subdelegada, quen lembrou que “tal como lle prometín ao alcalde hai unhas semanas hoxe temos ocasión de comprobar a execución dunhas obras de reparación que son necesarias, pero imos máis aló porque tratamos de evitar que se volvan producir este tipo de danos nos pasos elevados”.

Trátase de catro pasos superiores con tipoloxía de vigas prefabricadas, que están situados sobre a estrada N-642, entre os puntos kilométricos 29+700 e 33+900. Todos eles presentan algún tipo de desperfecto e Fomento, ademais de arranxalos, tomou a determinación de acometer unha actuación máis ambiciosa que inclúe o aumento do gálibo vertical en tres das pontes para previr futuros danos.

Está previsto que se realice esa modificación en tres dos pasos superiores, incluído o de Mañente, nos que en varias ocasións se rexistraron impactos de vehículos nas vigas debido á baixa altura existente entre a rasante da estrada N-642 e a parte inferior dos taboleiros. O último dos desperfectos rexistrouse nesta ponte, situada no p.k.29+700, o pasado 24 de xullo.

Fomento vai investir en total 473.000 euros nestes traballos que se levarán a cabo nos catro pasos superiores durante os próximos meses. A actuación prevista afecta aos pasos superiores existentes na N-642 nos puntos kilométricos 29+700, 32+300,33+000 e 33+900.

A execución destas obras de mellora nos catro pasos superiores obriga a establecer algunhas restriccións de tráfico, con cortes nun sentido de circulación en horario diurno polo que se habilita o paso alternativo por un carril regulado por semáforo. Ocasionalmente e por seguridade, cando se executen as operacións máis complexas, será necesario realizar algúns cortes de tráfico, que se farán de noite en datas nas que se rexistra unha menor afluencia de vehículos, e o desvío da circulación por estradas alternativas.

Exit mobile version