Site icon Crónica3.com A Mariña

A subdelegada do Goberno preside unha xuntanza da Confederación Hidrográfica do Cantábrico coas Asociacións de Veciños da provincia

 Lugo, 11 de decembro de 2019. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu esta tarde unha xuntanza do presidente da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Manuel Gutiérrez, co presidente da Federación provincial de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, quen estivo acompañado dun numeroso grupo de representantes do colectivo veciñal na provincia. O obxectivo do encontro, celebrado esta tarde na subdelegación do Goberno, foi abordar a limpeza de ríos das concas do Eo e o Navia que son competencia da Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

Isabel Rodríguez agradeceu a Manuel Gutiérrez que viaxara expresamente a Lugo dende Oviedo, onde ten a súa sede a Confederación Hidrográfica do Cantábrico, para coñecer de primeira man as demandas do colectivo veciñal da provincia sobre as necesidades que as distintas entidades consideran máis urxentes para planificar os labores de limpeza nos distintos ríos das concas do Eo e o Navia.

Pola súa parte, o presidente da Confederación do Cantábrico, que lembrou o investimento de máis de 124.000 euros feito a primeiros de ano en labores de limpeza dos ríos da nosa provincia, prometeu estudar as peticións dos veciños coa finalidade de incorporalas ao plan plurianual de traballo da entidade, que se deseña tendo en conta as demandas expresadas polos distintos concellos do seu ámbito de actuación.

SANEAMENTO DE SOBREDO

Por outra parte, a subdelegada do Goberno anunciou hoxe o próximo comezo das obras que realizará o ministerio de Transición Ecolóxica, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que preside José Antonio Quiroga, para dotar de saneamento ao núcleo de Sobredo, no concello de Folgoso do Courel.

Rodríguez informou de que xa foi asinado o contrato para a realización dos traballos, que foron adxudicados á empresa VIPECA Obras y Servicios nun importe de 89.531 euros (sen incluir o IVE).

O ministerio de Transición Ecolóxica levará o saneamento a este núcleo de Folgoso do Courel, que carece de calquera sistema de saneamento e depuración a pesar de estar incluído na Rede Natura 2000. O proxecto inclúe a construción dunha rede de saneamento deste núcleo de poboación, por gravidade e cunha lonxitude aproximada de colectores de 500 metros. No extremo da rede de saneamento disporase unha instalación de depuración con capacidade suficiente para tratar os verquidos.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil asume a totalidade do investimento necesario para esta actuación, que incluiu tanto a redacción do proxecto como a execución da obra e a dirección e vixilancia da mesma.

Para levar a cabo esta actuación, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinou un convenio coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, no que se estipula que a Confederación financia, executa e entrega as obras de saneamento do núcleo de Sobredo e, unha vez rematadas as obras, o Concello farase cargo da xestión, mantenemento e conservación das obras.

Exit mobile version