Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acolle o primeiro congreso nacional de artes de pesca


Burela, 11 de decembro, 2019. O porto de Burela volve converterse esta semana no epicentro do sector pesqueiro, xa que entre xoves e venres acolle a celebración do primeiro Congreso Nacional de Artes de Pesca e o primeiro Congreso Infantil “Conservemos o Noso Mar”, ambos promovidos pola Fundación EXPOMAR.
Na tarde do xoves 12 e a mañá do venres 13 de decembro celébrase no Salón de Actos de Armadores de Burela o Congreso Nacional de Artes de Pesca, co obxectivo de poñer en valor as artes de pesca en perigo de desaparición, así como o intercambio de coñecmientos sobre as artes de outros territorios de ámbito nacional.
O xoves pola mañá a Casa da Cultura de Burela acolle o primeiro Congreso Infantil “Conservemos o Noso Mar”, que ten o obxectivo de divulgar o patrimonio e a cultura mariñeira da Mariña Lucense e sobre todo concienciar aos máis novos sobre o respecto ao medio mariño.
CONGRESO NACIONAL ARTES DE PESCA
O Congreso Nacional de Artes de Pesca ábrese ás 5 da tarde coa presencia do Presidente da Fundación Expomar e Alcalde de Burela, Alfredo Llano; a Directora Xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez Moreda; e Pilar García Porto, portavoz da Deputación de Lugo.
Durante o congreso intervirán profesionais relacionados co mundo pesqueiro de ámbito nacional e galego, así como representantes de confrarías de pescadores de diferentes puntos de España. A primeira xornada comeza poñendo en valor as artes de pesca e o papel das novas xeracións, cunha conferencia a cargo de Basilio Otero Rodríguez, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Burela.
Tamén se exporán as especies diferenciais e as artes de pesca en distintas áreas xeográficas, centrando o protagonismo nas Confrarías de Pescadores, xa que participan José Caballer Torrent, presidente da Comunidade de Pescadores El Palmar (Valencia); Juan Mercant Terrasa, Director Xeral de Pesca e Medio Mariño do Goberno das Illas Baleares; e Manuel Suárez, Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Tarifa (Andalucía).
A primeira xornada pecharase cunha mesa de debate sobre as boas prácticas para unha pesca sostible, na que, ademais dos anteriores relatores, tamén intervirá o coordinador de pesquerías de WWF España, Raúl García Rodríguez.
CONGRESO INFANTIL
O grande protagonismo do primeiro Congreso Infantil “Conservemos o Noso Mar”, que se celebra o xoves pola mañá, céntrase nos alumnos e alumnas dos diferentes centros educativos de Burela, que desde hai semanas xa traballan en diferentes proxectos que presentarán ao longo do Congreso baixo o concurso “O Mar Luce”.
Os alumnos do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme participan cun concurso de debuxo sobre o mar e as especies mariñas. No CEIP Plurilingüe Vista Alegre os pequenos están traballando na elaboración dunha escultura realizada con lixo e residuos varios recollidos nas praias.
Os xoves do IES Monte Castelo presentarán representacións artísticas de casas mariñeiras nas que se traballaban diferentes oficios relacionados co mar. E os alumnos do IES Perdouro concursan nun certame de fotografía de temática mariñeira.
O Congreso Infantil ábrese coa intervención da doutora en Historia Contemporánea e profesora do IES Monte Castelo, Herminia Pernas Oroza, “Unha ollada á contribución histórica do porto de Burela á pesca sostible”.
E antes do peche do Congreso proxectarase a curtametraxe “Todos os días o mar”, do programa ‘Vidas Mariñeiras’ promovido polos GALP para poñer en valor os oficios tradicionais e paisaxes mariñeiras da costa galega. O documental está realizado polo alumnado de 1º Bacharelato e 4º ESO do IES Monte Castelo de Burela e representa un retrato do día a día da tripulación do palangreiro de fondo ‘Raúl Primero’ no seu duro traballo, dedicado á pesca artesanal no Gran Sol; unha viaxe continua de ida e volta ao mar.
Ambos congresos desenvólvense dentro do proxecto “Centro de Coñecemento do Patrimonio Cultural Pesqueiro”, promovido pola Fundación EXPOMAR e financiado polo GALP A Mariña Ortegal. Na páxina web da Fundación Expomar (www.expomar.com) pódese atopar máis información sobre contidos e inscricións.

Exit mobile version