Para o conxunto das especies e grazas aos estudos de impacto socio económico presentados polo MAPA e a Conselleria do Mar da Xunta, o acordo alcanzado mellora a maioría das propostas de TAC e capturas que fixo a Comisión Europea o pasado outubro e supón que a frota española contará con máis toneladas en 2020. Así, froito da negociación, o ano que vén a frota española disporá de preto de 290.000 toneladas, o que supón un valor estimado que supera os 500 millóns de euros.
O sector considera unha boa noticia a rebaixa conseguida dos recortes propostos para determinadas especies fundamentais para a nosa frota, en concreto: a pescada sur (Cantábrico, Golfo de Cádiz e Portugal), para a que a CE propoñía un recorte do 20% que se reduciu a un 5%, mantendo a explotación en niveis de RMS (Rendemento Máximo Sustentable); o xurelo sur, cunha proposta de recorte do 50%, pero que finalmente se incrementará nun 24% respecto a 2019; e o linguado nas zonas 8 e 9 do caladoiro nacional, para o que a CE propoñía un recorte do 40% e que quedou fixado, tras a negociación, nun 20%.
Outras especies para as que sobe o TAC son a xarda, que aumenta un 41% para a frota do Cantábrico e o lirio, que aumenta un 3%. Tamén aumentan as capturas para o galo e o rape de Gran Sol, que crecen un 7% e o 3%, respectivamente, respecto a 2019. Tamén soben, un 24%, as capturas para o galo do Cantábrico Noroeste e do Golfo de Cádiz.
Pola súa banda, as especies que si ven as súas capturas recortadas son a pescada norte (augas de Escocia e Irlanda, Gran Sol e augas francesas do Golfo de Biscaia), que se reducen un 20%, e o xurelo do Oeste (Cantábrico), que baixa un 40,7%, aínda que se estableceu un mecanismo de flexibilidade que permite transferir ata o 80% da cota do xurelo do Norte para minimizar o impacto da frota que captura esta especie nesa zona.
Pola contra, aumentan as capturas para o galo e o rape de Gran Sol, que crecen un 7% e o 3%, respectivamente, respecto a 2019. Tamén soben, un 24%, as capturas para o galo do Cantábrico Noroeste e o Golfo de Cádiz.
Polo que se refire ao lagostino do Cantábrico e como quedou plasmado nunha declaración, Cepesca celebra que a CE e o Goberno de España comprometéronse a seguir traballando, en colaboración co Instituto Español de Oceanografía (IEO) e o propio sector pesqueiro, para solicitar unha revisión da recomendación científica unha vez que se dispoña de datos actualizados do estado desta especie. Cabe lembrar que o TAC actual é cero.
Segundo o secretario xeral de CEPESCA, Javier Garat, “en xeral, o resultado foi positivo, estamos satisfeitos, xa que os TAC acordados van permitir á nosa frota pescar máis que en 2019. Ademais –engade Garat-, celebramos que a negociación tivese en conta a tripla vertente sustentable da nosa actividade, a biolóxica, a social e a económica, un enfoque fundamental para poder mirar a nosa actividade a longo prazo, tal e como facemos desde hai anos os homes e mulleres do sector”.