Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde A Mariña apoia a mobilización de Alcoa en Foz

 A Mariña, 3 de decembro de 2019. Desde CIG Saúde A Mariña amosan o apoio á concentración convocada polo Comité de Empresa de Alcoa en defensa do tecido industrial da comarca e do futuro da Mariña, solidarizándonos con todos os traballadores e traballadoras da empresa e facendo un chamamento á participación en dito acto que terá lugar este mércores 4 de decembro en Foz ás 20.00 horas na Praza Conde de Fontao, baixo o lema ‘Enerxía solución: Alcoa sálvase loitando‘.

Cómpre lembrar que hai xa máis de un ano que a CIG trasladou aos Gobernos galego español e  á Comisión Europea, a través do comisario Arias Cañete, unha proposta de tarifa eléctrica para atallar o insuficiente marco enerxético actual, dos máis caros da UE, agravado ademais polo perverso mecanismo da poxa de interrompibilidade “que máis que achegar solucións, é fonte de conflito”.

En liñas xerais, a proposta da CIG contempla liberar a tarifa das peaxes que non teñan unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico (primas ás renovábeis, os custes extrapeninsulares, os pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustíbel nuclear ou o déficit tarifario); e que este custe sexa asumido polos Orzamentos Xerais do Estado para que non repercutan na tarifa eléctrica que pagamos o resto de consumidores/as.

Así mesmo, a CIG defende que se contemple a máxima compensación permitida pola UE por C02; e co obxectivo de producir unha rebaixa xeral no prezo da electricidade que repercuta no funcionamento do sector, a central propón retirar do mercado maiorista (o chamado pool) as centrais hidráulicas e nucleares, que pasarán a cobrar por custes recoñecidos aprobados a proposta da CNMC.

Para acollerse a esta tarifa rebaixada, as empresas terán a obriga de facer inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo e de mellorar as condicións laborais recollidas en convenio.

Dende CIG Saúde A Mariña inciden na necesidade de concienciar aos arredor de 72.000 habitantes da Mariña Lucense de que se trata dun problema que afecta a todos e a todas dada a incidencia do complexo industrial no tecido socioeconómico da comarca.

Exit mobile version