Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega demanda á subdelegada do Goberno investimento para as infraestruturas viarias da Mariña

 A Mariña, 11, decembro, 2019.- O deputado autonómico mariñán do PP, Daniel Vega, diríxese a través dunha carta á subdelegada do Goberno na nosa provincia para que “dea traslado ao Goberno e ao Ministerio de Fomento das reivindicacións dos mariñáns en materia de infraestruturas viarias” ao constatar “o deterioro das vías de comunicación de titularidade estatal e ante a falta de investimento por parte do Goberno de Pedro Sánchez para a súa mellora e o avance no proxecto para a materialización da A-74”.

Vega sinala que tanto a autovía A-8 coma a estrada nacional N-642 soportan un alto volume de tráfico debido á intensa actividade social e económica da comarca mariñá e, polo tanto, reclama unha resposta ás demandas dos veciños e veciñas por parte do Goberno do Estado como titular das vías. Nese senso, cre prioritario que o Goberno consigne nos Orzamentos Xerais do Estado para 2020 as partidas necesarias para avanzar na materialización da autovía A-74, estratéxica para A Mariña luguesa, e que contribuirá ao seu desenvolvemento social e económico; ademais de permitir conectala de forma axeitada co resto de Galicia e de España.

De forma máis inmediata, o popular pide o arranxo do aglomerado das calzadas da autovía A-8 ao seu paso polo termo municipal de Ribadeo debido “ao seu acelerado desgaste derivado das deficiencias na drenaxe da vía que fan necesario intervir de forma constante”. Así mesmo, demanda “iniciar os trámites pertinentes para a construción dun novo acceso á vila ribadense desde esta vía de comunicación de altas prestacións que axudaría a liberar parte do tráfico do casco urbano ribadense; así coma poñer en marcha a construción dun enlace entre a LU-P-5207 e a variante de Ribadeo e dotar de iluminación ás rotondas de acceso á vila”.

En relación á estrada nacional N-642, que na actualidade é a principal vía de comunicación da Mariña lucense, Vega sinala a necesidade de “acometer de inmediato o reforzo da sinalización naqueles puntos nos que non se completou a súa reforma integral ou non é suficientemente intensa” de cara a “garantir a seguridade dos seus usuarios”.

Dificultades para a circulación
Na actualidade, ás dificultades para a circulación que supoñen as obras que se están a executar na ponte de Mañente á altura do termo municipal de Foz ao provocar colas quilométricas, hai que engadir “os riscos derivados das deficiencias na sinalización da nacional 642”, manifesta o parlamentario. Así mesmo, Vega engade que “os problemas para a circulación agrávanse en circunstancias de menor visibilidade, durante a noite ou pola influencia dos temporais, de tal forma que se teñen producido incidencias tan graves como que os condutores non souberan se estaban a circular polo carril correcto”.

Exit mobile version