Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia apela ao traballo común dende as administracións para facer rendible as superficies agrarias

 Lugo, 12 de decembro, 2019. A presidenta provincial, Elena Candia, presidiu este xoves a reunión da Xunta Directiva Provincial, na que o conselleiro do Medio Rural, José González, explicou e deu conta da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia. Deste xeito, a popular agradeceu que o titular autonómico se desprazase ata Lugo para dar conta desta norma “que se fai, dixo, máis necesaria se cabe nunha provincia como a nosa, na que a dispersión xeográfica e o abandono de terras, sumado ao avellentamento da poboación, é cada vez maior”.
“Recentemente o vimos nun foro organizado por un medio de comunicación na cidade e no que se puxo de relevo a importancia de sumar entre todos para evitar o que está a ser xa un gran problema en Lugo e en Galicia. O que temos que buscar dende as administracións e os cargos que desempeñamos é que poidamos vivir do rural. Penso que esta Lei será un elemento que contribuirá a facer rendibles as nosas propiedades e, por iso, pensamos que era importante trasladarvos esta cuestión de boca dos creadores da mesma”, apuntou.
No encontro, José González, sinalou que esta norma xorde como resultado das conclusións do Ditame da comisión parlamentaria forestal tras os lumes de 2017. Tamén adiantou que completa e desenvolve o marco normativo actual, culminando así un camiño iniciado pola Lei de Mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que sinalaba na súa exposición de motivos que Galicia se dotaría con iniciativas futuras dun conxunto de normas para constituír un corpo xurídico coherente e eficaz cara á contribución do espazo agrario e dos seus sistemas produtivos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do medio rural.
Xunto coas concentracións parcelarias públicas reguladas na Metaga e que se seguirán decretando, na nova lei apostarase por mecanismos de mobilización totalmente voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras. O obxectivo último das dúas normas –da Metaga e da futura Lei de recuperación- é mellorar a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade.

Así, o conselleiro trasladou que a nova norma terá por finalidade recuperar terras abandonadas, aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións que a precisan, anticiparse ao problema dos lumes e traballar pola recuperación demográfica e pola mellora da calidade de vida da poboación. Un obxectivo que se levará a cabo, dixo, facilitando, entre outras actuacións, o contacto entre os interesados en poñer a producir os predios e os seus propietarios.

Ademais, promoverase a recuperación produtiva das terras agroforestais a través de diversos mecanismos voluntarios baseados nos arrendamentos, nas cesións ou na súa xestión conxunta para o que se contemplaran, tamén, beneficios fiscais e outras medidas de fomento para o impulso de proxectos de recuperación de terras.

Neste senso, o conselleiro avanzou que a lei basearase, fundamentalmente, no uso e na potenciación de dous instrumentos: o Banco de Terras, que se axilizará coa nova norma, e o Banco de Explotacións. En relación con este último, subliñou que servirá para apoiar e facilitar o contacto entre agricultores e gandeiros que vaian abandonar a súa actividade e outras persoas interesadas en darlle continuidade, co obxectivo de evitar o seu abandono e o das terras que as conforman. Falou ademais doutras ferramentas voluntarias, coma os polígonos agroforestais, os proxectos de uso comunitario da terra e a iniciativa de aldeas modelo.

En relación a esta última, José González incidiu en que a Xunta está a desenvolver os traballos previos e preparatorios en máis de 20 núcleos de poboación do rural galego co fin de avaliar a posibilidade de convertelos en aldeas modelo. Neste sentido reiterou que o obxectivo da iniciativa das aldeas modelo que promove o Goberno galego é recuperar as terras en abandono da contorna de cada núcleo, para así contribuír á súa posta en valor, mellorando a calidade de vida da súa poboación e, ao tempo, reforzando a prevención dos lumes na proximidade das vivendas.

Exit mobile version