Site icon Crónica3.com A Mariña

Esta semana debátese en Burela sobre a pesca sostible e a innovación no sector pesqueiro

Burela, 9 de decembro, 2019. Este xoves 12 e venres 13 de decembro celébrase en Burela o primeiro Congreso Nacional de Artes de Pesca, promovido pola Fundación EXPOMAR co obxectivo de poñer en valor as artes de pesca en perigo de desaparición, así como o intercambio de coñecementos sobre as artes doutros territorios de ámbito nacional.
Durante estas dúas xornadas intervirán profesionais relacionados co mundo pesqueiro de ámbito nacional e galego, así como representantes de confrarías de pescadores de diferentes puntos de España.
O Congreso iníciase na tarde do xoves poñendo en valor as artes de pesca e o papel das novas xeracións, cunha conferencia a cargo de Basilio Otero Rodríguez, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores e Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Burela.
Tamén se exporán as especies diferenciais e as artes de pesca en distintas áreas xeográficas, centrando o protagonismo nas Confrarías de Pescadores, xa que participan José Caballer Torrent, presidente da Comunidade de Pescadores El Palmar (Valencia); Juan Mercant Terrasa, Director Xeral de Pesca e Medio Mariño do Goberno das Illas Baleares; e Manuel Suárez, Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Tarifa (Andalucía).
A primeira xornada pecharase cunha mesa de debate sobre as boas prácticas para unha pesca sostible, na que tamén intervirá o coordinador de pesquerías de WWF España, Raúl García Rodríguez.
Durante a mañá do venres trataranse diversos temas, como a “xestión de portos en Galicia”, a cargo do xefe da zona norte de Portos de Galicia, Antonio López Fernández; a “capacidade de crecemento do sector pesqueiro”, por María do Carme García Negro, doutora en Ciencias Económicas e Empresariais e profesora de Economía Aplicada na Universidade de Santiago; a “conexión rural-mar no impulso do tecido socioeconómico a través do turismo”, por Vidal Martínez-Sierra López, presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda; a “pesca recreativa e rexistro de capturas en Galicia”, por José Antonio Beiro Diz, presidente da Federación Galega de Pesca Marítima Responsable e Náutica de Recreo; e as “oportunidades de financiación para o sector pesqueiro”, a cargo do director de ABANCA Mar, Javier Fraga Díaz.
A media mañá terá lugar un “café networking” e este primeiro Congreso Nacional de Artes de Pesca pecharase cunha mesa de debate sobre “a innovación no sector pesqueiro”, na que tamén participará Concepción Blanco Fanego, directora de exportación e importación de Pescados Rubén.
Este congreso, que terá lugar no Salón de Actos de Armadores de Burela ABSA, é unha actividade que se desenvolve dentro do proxecto “Centro de Coñecemento do Patrimonio Cultural Pesqueiro”, promovido pola Fundación EXPOMAR e financiado polo GALP A Mariña Ortegal. Na páxina web da Fundación Expomar www.expomar.com pódese atopar máis información sobre contidos e inscricións.

Exit mobile version