Site icon Crónica3.com A Mariña

José Díaz lembra que quedan entradas por vender para asistir á actuación que a Compañía Nacional de Danza de Ucrania ofrecerá o 25 de decembro, no pavillón Vista Alegre, co espectáculo Virsky

 Burela, 12 de decembro, 2019. O concelleiro de Cultura lembrou que “aínda quedan na billeteira moitas entradas por vender para asistir á actuación que a Compañía Nacional de Danza de Ucrania ofrecerá o 25 de decembro, no pavillón Vista Alegre, co espectáculo Virsky. A verdade é que a venda ralentizouse moito nestes últimos días. Gustaríame que houbera moita xente ese día porque é un espectáculo que penso que é moi difícil que se repita na zona, xa non digo en Burela senón en toda A Mariña. Son espectáculos que van a grandes cidades como xa levamos dito nós e a propia compañía, ConcertLírica. Tamén porque é o día que é, é o día de Nadal, que é verdade que hai comidas familiares, pero á tarde tampouco hai grandes plans. Esta penso que é unha boa proposta, pode acudir toda a familia, vaille gustar tanto a pequenos como a maiores. Iso debe ser un pouco motivador para que aumente esa venda de entradas e que consigamos encher o pavillón, que é un espazo grande, e que luce moito máis se logramos meter as case mil persoas que collen”.
José Díaz asegurou que “a xente que acuda non se vai arrepentir do que vai ver porque é a combinación de danza, de ximnasia artística e de virtuosidade. Ademais de toda a parte decorativa, o escenario, os vestiarios dos bailaríns, todo fai que sexa un espectáculo que merece a pena. Entendo que o día ao mellor non era o ideal pero intentamos buscarlle a parte de que sexa atractivo para a xente. Tamén fixéramos un 25 de decembro, fai dous anos, un concerto de Nadal no que se encheu o auditorio. Imos esperar, aínda quedan días para que siga aumentando a venta de entradas, necesitamos tamén da xente que ven de fora de Burela, de toda a provincia de Lugo, porque Virsky non vai estar en ningún outro sitio, así que confiamos na presenza da xente que non é do noso pobo e que a verdade que nunca nos falla”.

Exit mobile version